Aviso: Esta noticia tiene más de un año. Última actualización: 16/11/2007 15:12
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Nov. (EUROPA PRESS) -
As III Xornadas de cidadanía e teatro analizarán a partir do luns en Santiago de Compostela nunha serie de mesas redondas a realidade do teatro galego nun encontro que se prolongará ata o martes día 20.
Así, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) presentou hoxe nunha rolda de prensa a terceira edición das xornadas que se levarán a cabo no Auditorio de Galicia coa presenza de profesionais do sector.
Segundo destacou un dos membros da vocalía da AAAG, Artur Trillo, con estas xornadas preténdese facer un "exercicio de reflexión" sobre o sector. "Ver cal é a nosa realidade diaria no ámbito creativo, pero sobre todo laboral", matizou.
Ademais, resaltou que coas charlas se pretende "chegar a conclusións" para abrir camiños, e poder así "atopar solucións para mellorar día a día". "Sabemos que o noso teatro é escaso", admitiu.
XORNADAS.
As mesas comezarán o luns 19 ás 16.00 horas no Auditorio de Galicia. Na xornada do primeiro día trataranse temas relacionados coa encrucillada entre audiovisual e teatro, e contarán con actores coñecidos como Ernesto Chao e María Bouzas. O segundo día abordarán a dispersión profesional do actor galego e a exhibición teatral en Galicia.
En relación coa clausura do encontro, o actor e antigo presidente da AAAG, Gonzalo Martín Uriarte, estará no auditorio para dar un peche de "calidade" ás xornadas, segundo informou a organización.
ELEMENTOS CLAVE.
Pola súa banda, o director do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem), Miguel Martín, considerou que hai que destacar a realidade do teatro como "un servizo á sociedade", cun traballo constante de reflexión, e engadiu unha necesidade de "estabilidade" no emprego.
Deste modo, apuntou que existen tres "elementos clave" para o teatro galego; por un lado a "necesidade" de xerar un mercado para que as producións poidan ter saída. Por outro, "dotar" ás empresas de máis recursos para "mellorar a estabilidade" dos seus equipos e "facer un esforzo" por definir as pautas nas que se vai mover o traballo.
Así mesmo, Martín referiuse á necesidade de que todos "poñan da súa parte" para atopar un convenio colectivo axeitado ao sector teatral.