Aviso: Esta noticia tiene más de un año. Última actualización: 18/02/2008 18:58
OURENSE, 18 Feb. (EUROPA PRESS) -
O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, xulgou hoxe "inxusta" e "oportunista" dende o punto de vista electoral a manifestación da Plataforma 'Galiza Non se Vende' que percorreu onte as principais rúas de Santiago de Compostela en protesta contra a política ambiental da Xunta, que reivindicou Vázquez.
En declaracións aos medios tras unha visita ao Concello de Ourense, asegurou que "non só Galicia non se vende" senón que o Goberno autonómco está "comprando patrimonio natural para incrementalo" na comunidade. "Estamos ante o primeiro goberno que compra espazos naturais e que está a protexer o litoral cunha lei moi valente", aseverou.
Neste sentido, explicou que o Executivo de Pérez Touriño asinou políticas "de adquisición de illas" ademais de poñer en marcha o "saneamento integral das rías galegas con 600 millóns de euros". Así mesmo, incidiu en que se trata do "primeiro Goberno" ao que "non lle tremeu a man" para paralizar minicentrales que "espoliaban os ríos deste país", ademais de "prohibir a construción de parques eólicos ou piscifactorías en Rede Natura, ou de minas na Serra do Courel".
Por iso, cualificou de "inxusta" a manifestación da Plataforma, xa que "politicamente é pouco defendible". Así mesmo, asegurou que o que viu onte na manifestación foi un "abasto de colectivos que ía pedir cada un o seu" e preguntouse "onde estaban cando gobernaba o PP".
OPORTUNISMO.
O conselleiro de Medio Ambiente manifestou que se trata dunha manifestación "oportunista no momento electoral", ademais de "inoportuna nas realidades que está a dicir" porque "se algún goberno hai que se caracteriza por defender a política ambiental de Galicia foi este".
Neste sentido, Manuel Vázquez preguntouse "onde estaban" os colectivos que conforman a Plataforma "cando gobernaba o PP" cando o "50 por cento da rede eólica estaba en Rede Natura e cando autorizaron 52 minas no Courel".
Por último, Vázquez asegurou que manifestacións "deste tipo" non os van facer "cambiar de rumbo" e insistiu no compromiso do Goberno autonómico coa protección ambiental. "Hai moito oportunismo localista e pouca visión integral da Galicia que integramos todos", apostilou.
Nesta liña, concluíu que "para unha vez que alguén está a poñer o barco ambiental dereito neste país os colectivos que son teoricamente progresistas son os que van contra un goberno que defende este tipo de políticas".