Aviso: Esta noticia tiene más de un año. Última actualización: 24/03/2008 12:33
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Mar. (EUROPA PRESS) -
A Mesa pola Normalización Lingüística convocou hoxe a toda a cidadanía a acudir o próximo 18 de maio a unha manifestación "polo dereito a vivir en galego", que se celebrará con motivo do Día das Letras Galegas, co obxectivo de dar "un baño de realidade" sobre as situación da lingua propia.
En rolda de prensa, membros da Mesa co seu presidente á cabeza, Carlos Callón, animaron aos "mozos e a toda a sociedade" a manifestarse pola defensa do galego, "mesmo aos que non o falen de forma habitual pero que o sintan como propio" e, en definitiva, "a todos os que opinen que a lingua é un dereito".
Precisamente, a asociación en defensa da lingua acudirá o domingo 18 de maio, un día despois da celebración oficial do Día dás Letras, a esta mobilización baixo o lema 'Polo dereito a vivir en galego', un lema que se concibiu "en positivo".
Carlos Callón explicou que, como é habitual, a marcha sairá ás 12.00 horas da Alameda santiaguesa e finalizará coa lectura dun manifesto, que será aprobado en asemblea xeral o próximo sábado día 29 de marzo, na que están representados os máis de 3.000 socios da Mesa.
"ÚNICA LINGUA PROPIA".
Deste modo, fixou en tres os obxectivos da manifestación de maio, que resumiu en "facer cumprir aos políticos as leis lingüísticas, esixir as garantías para vivir en galego en cada ámbito e reivindicar que o galego é a única lingua propia de Galicia, como recolle o Estatuto de Autonomía".
Así, Callón dixo esperar "superar" as cifras de asistencia de anteriores convocatorias, para o que A Mesa buscará a colaboración e o apoio dos concellos, para que "estean representada a maior parte da cidadanía", proclamou. Neste sentido, asegurou que os socios da Mesa comezarán unha campaña de promoción desta manifestación e que se porán en contacto coas entidades locais para que aproben iniciativas a favor do galego nos plenos municipais.
"De nós depende que o galego teña futuro", aseverou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e reiterou que "o galego é a única lingua natural de Galicia e que "a maioría a senten como propia, mesmo os que non a falan de forma cotiá".
IMPOSICIÓN.
Por outra parte, en referencia ás críticas dalgunhas asociacións polo que chaman "imposición do galego", Carlos Callón retou a "vivir 24 horas en galego, en ámbitos como a administración xudicial, os servizos eléctricos...". Así mesmo, considerou "grave" o discurso do PP e acusoulle de "romper consensos" que apoiou no Parlamento e que "promove" noutras comunidades autónomas onde goberna, como en Baleares e Comunidat Valenciana".
Así mesmo, referiuse ao uso do galego nos medios de comunicación e pediu "máis control" nos entes privados á hora de cumprir coas subvencións que outorga a Xunta. Ademais, criticou que na televisión pública estatal "o galego estea en mínimos históricos" e "non se reserven espazos para o galego ao tempo que aumenta o espazo para programas de sucesos".