O 46% do software utilizado en España é ilegal, doce puntos por enriba da media europea

Actualizado 26/06/2007 19:37:30 CET

A súa utilización provoca en España unhas perdas de 650 millóns de euros anuais

A CORUÑA, 26 Jun. (EUROPA PRESS) -

En España o 46% do software utilizado é ilegal, unha cifra que supera en doce puntos a media europea, segundo explicou o subdirector xeral de servizos da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Salvador Soriano. Unha cifra que se traduce nunhas perdas que roldan en España os 650 millóns de euros anuais.

Por iso, o Ministerio de Industria puxo en marcha a campaña de 'Sensibilización e formación para a comercialización do uso de software legal', co obxectivo de reducir o nivel de uso e distribución de software non legal no país e "conseguir unha equiparación coa Unión Europea", segundo explicou Soriano.

Así a campaña trata de dar a coñecer os beneficios da venda do software legal, así como os inconvenientes que pode levar consigo consigo o ilegal en distribuidores, pemes, autónomos e distribuidores.

Neste sentido, Soriano explicou que "o 60%" dos programas ilegais "inclúen algunha funcionalidade non desexada". "Pode estenderse dende a incursión de publicidade ata que poidan monitorizar o PC dende fóra controlando todos os seus datos", puntualizou.

Ademais, a nivel da sociedade, a utilización de software ilegal contribúe, segundo Soriano, a reducir a innovación. "Se os expertos consideran que non van obter beneficio dos seus programas porque a poboación os vai descargar de xeito ilegal, deixarán de dedicarse a iso", explicou, un feito que prexudicaría notablemente a posición de España a nivel tecnolóxico.

CAMPAÑA CENTRADA NOS DISTRIBUIDORES

Ao longo de doce meses, o Ministerio levará a cabo iniciativas dirixidas principalmente ao distribuidor para invitar que, por un lado, estableza relacións co provedor para a compra de software, e por outro, avise o comprador "dos riscos que leva consigo utilizar un programa non legal que nin sequera se sabe de onde procede".

Dende Industria consideran que "non ten sentido que o distribuidor regale algo que pode vender", e moito menos cando é un "regalo envelenado". "Acabará xerándolle problemas co cliente, reducirá a súa credibilidade e impediralle vender actualizacións, aplicacións ou mantemento e, polo tanto, fidelizarlo," apuntou.

PLAN AVANZA

A campaña forma parte do 'Plan Avanza para o desenvolvemento da Sociedade da Información e a converxencia con Europa' e entre as Comunidades Autónomas, que conta cun presuposto de 1.500 millóns de euros para 2007,un 30% máis que en 2006.

Ten como obxectivo mellorar a produtividade e a competitividade das empresas e a calidade de vida dos cidadáns, centrándose en economía dixital, cidadanía dixital, servizos públicos dixitais e contexto dixital.

Trátase, segundo Soriano, dunha "aposta firme dotada de suficientes recursos económicos". Uns recursos que se empregan, por exemplo, nos 'Empréstitos para a Informatización', que contan con 1.000 millóns de euros dende 2005 a 2007 e 120.000 destinatarios.