Caixa Galicia é a primeira entidade española en ofrecer a sinatura de contratos co DNI electrónico

 

Caixa Galicia é a primeira entidade española en ofrecer a sinatura de contratos co DNI electrónico

Actualizado 11/03/2008 15:07:43 CET

A CORUÑA, 11 Mar. (EUROPA PRESS) -

Caixa Galicia ofrece, dende hoxe mesmo, a posibilidade de que os seus clientes poidan abrir unha conta On utilizando o seu Documento Nacional de Identidade Electrónico (DNIe) asinando o contrato por Internet e sen a necesidade de desprazarse a ningunha oficina, o que supón que a entidade galega sexa pioneira nesta actividade.

O director de On Caixa, Marcelino Fernández Mallo, sinalou que esta posibilidade que hoxe ofrece a caixa galega é unha "revolución nos servizos financeiros" e, ao respecto da seguridade, dixo que Caixa Galicia é "a banca electrónica de particulares máis segura de España sen dúbida ningunha". "O factor seguridade é fundamental e, de novo, Caixa Galicia, lidera indubidablemente este sector", engadiu.

Para a prestación deste servizo, a entidade financeira chegou a un acordo con Tractis, unha plataforma de contratación electrónica integrada con autoridades de certificación a nivel internacional e que permite a xeración, almacenamento e preservación de evidencias electrónicas con plena validez legal.

Pola súa banda, o director de Estratexia Dixital de Caixa Galicia, Antonio González de Parga, explicou que o novo DNIe, que é o que se está a entregar xa á poboación cando esta acode á renovación do seu documento, ten "a mesma validez" que o antigo e "dá veracidade" aos datos. "Os cidadáns teñen dereito a usar o seu DNIe para os seus servizos telemáticos", asegurou.

Este mesmo mes o Goberno central, que inverteu máis de 300 millóns de euros, espera superar a barreira dos tres millóns de DNIe emitidos e prevese que durante o que queda de ano se estendan 6,5 millóns máis, polo que esta se converterá nunha ferramenta habitual para a contratación de todo tipo de servizos por Internet.

Caixa Galicia estima que para 2008 o 5 por cento dos novos contratos se realicen mediante a sinatura electrónica e espera que para 2009 este sistema se estenda ata o 20 por cento do total. Na actualidade, a Oficina Virtual da entidade galega conta con máis de 36.000 clientes e supera, como apuntou Fernández Mallo, os 1.000 millóns de euros de volume de negocio.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies