O Centro Comercial aberto de Ourense organiza o III Congreso de Calidade e Innovación no pequeno comercio

 

O Centro Comercial aberto de Ourense organiza o III Congreso de Calidade e Innovación no pequeno comercio

Actualizado 21/10/2007 22:57:50 CET

Un total de 90 comercios da cidade contarán a finais de ano co selo de calidade do comercio galego

OURENSE, 21 Oct. (EUROPA PRESS) -

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá o próximo martes o 'III Congreso de Calidade e Innovación no Pequeno Comercio', organizado polo Centro Comercial Aberto (CCA) de Ourense co apoio da Consellería de Innovación e Industria.

A asociación prevé que a finais do presente ano un total de 90 comercios da capital ourensana conten co selo de calidade do comercio galego, co que se converterá na cidade galega con máis establecementos con esta distinción.

O presidente do Centro Comercial aberto, Emilio González, asegurou que a consecución destes distintivos mostran o "peso e compromiso" dos comerciantes ourensanos "cos seus clientes".

Neste sentido, mostrouse "moi satisfeito" destes resultados, xa que cando se puxo en marcha este congreso, hai agora tres anos, un total de cinco comercios da capital lograron este selo, mentres que outras 85 establecementos farano en 2007.

Emilio González encargouse de presentar esta terceira edición nun acto que contou coa presenza do delegado provincial de Innovación e Industria, Xosé Antón Jardón Dacal. Os organizadores afirmaron que decidiron apostar máis pola calidade que pola cantidade de relatorios para ofertar ao sector todas as pautas necesarias para mellorar os seus negocios.

CONFERENCIANTES

Así, entre os conferenciantes estarán Fernando Cortiñas, responsable da campaña de fidelización de Telefónica, e Jordi Garrido, que se encargou da de Canle Dixital.

Pola súa banda, o delegado provincial de Industria en Ourense, Xosé Antón Jardón, subliñou a "aposta decidida" da consellería polo "apoio" ao pequeno comercio, que é "o maioritario" na provincia de Ourense e que alcanza os 2.500 establecementos.

Así mesmo, Xosé Antón Jardón sinalou que o novo distintivo de calidade ao que pode optar o sector valora aspectos novidosos como o "impulso da lingua galega", así como "non ter sancións ao longo da súa actividade comercial" e achegar os "coñecementos das normas de calidade aos seus propios empregados".

Unha das novidades desta edición é que o congreso estará aberto non só aos máis de 300 asociados cos que conta o CCA, senón a todos os comerciantes que desexen participar neste.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies