O Centro Ramón Piñeiro mellora a busca no seu arquivo electrónico para "facilitar" o traballo investigador

Actualizado 16/07/2009 18:00:07 CET

Liberaliza a descarga de listado completo de formas ortográficas do galego, que a día de hoxe aglutina "25 millóns" de termos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Jul. (EUROPA PRESS) -

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades impulsou unha mellora no sistema de busca electrónica do arquivo documental do Corpus de Referencia do Galego Actual (Corga), co obxectivo de "facilitar" o traballo de investigación do galego.

Así, o director técnico da área lingüística do Centro Ramón Piñeiro, Guillermo Rojo, destacou en rolda de prensa o "importante avance" que supón en materia de recursos computacionais en galego, e que permitirá, entre outras melloras, a descarga libre do listado completo das 25 millóns de formas ortográficas que aglutina o corpus da entidade.

O Corga aglutina o corpus documental en formato electrónico no que están representados os diferentes tipos de texto --xornalísticos, divulgativos, literarios-- da lingua galega dende 1975 á actualidade, que está destinado principalmente aos investigadores do idioma nos diferentes ámbitos.

Concretamente, a actualización do sistema consiste nunha mellora do motor da ferramenta electrónica mediante etiquetas --tempo verbal, forma sintáctica-- que engade información gramatical co fin de acoutar os resultados da busca por palabra, para así aproximarse ao termo preciso que interesa o usuario.

Por iso, tras solicitar unha chave de xeito gratuíto, calquera persoa poderá acceder ao novo sistema electrónico, que inclúe --por agora-- "algo máis de 300.000 termos" do total de formas ortográficas dispoñibles. Deste xeito, segundo destacou Rojo, minimízase "a taxa de erro" para asegurar a busca concreta "da clase de palabra" ou "da categoría gramatical" correspondente.

OBXECTIVO PRIORITARIO

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, sinalou durante o acto de presentación que a nova ferramenta supón "unha liña de actuación prioritaria" do novo Goberno galego neste ámbito, co obxectivo de proporcionar "produtos e servizos electrónicos que fagan posible acceder aos recursos que ofrecen as novas tecnoloxías, empregando a lingua galega".

"Deste xeito, o Centro Ramón Piñeiro cumpre unha vez máis un dos seus obxectivos fundacionais máis ambiciosos: deseñar, desenvolver e difundir produtos e recursos que axuden a coñecer e interpretar a cultura galega en clave contemporánea", valorou.

FUTURO

Outras melloras que estarán dispoñibles a través da páxina web da ferramenta (http://corpus.cirp.es/corga), serán o acceso aos listados completos das 1.000 e 5.000 formas máis frecuentes dos fondos terminolóxicos, que aparecerán analizados segundo as súas características de forma --incluído a categoría máis frecuente do seu uso, sexa preposición, artigo e demais--, frecuencia de uso nos documentos do arquivo, porcentaxe e porcentaxe acumulada.

Así mesmo, ademais do sistema clásico de busca e a inclusión do novo sistema de busca etiquetada, a ferramenta electrónica inclúe un sistema de análise de oracións.

Finalmente, o responsable do equipo tecnolóxico que desenvolveu este sistema, avanzou que as posibilidades de futuro será "optimizar a busca para precisar distintos estilos de escritura" --narrativa, xornalística--.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies