O 'Foro Tecnolóxico de Emprego' inaugúrase en Vigo cun "aumento" na cantidade e calidade de participantes

Actualizado 09/04/2008 20:53:53 CET

Repsol mostra a súa vontade de incorporar enxeñeiros galegos á súa refinaría da Coruña

VIGO, 9 Abr. (EUROPA PRESS) -

O 'VIII Foro Tecnolóxico de Emprego da Universidade de Vigo' rexistra este ano un "aumento" na cantidade e calidade das empresas participantes, segundo explicou hoxe Iván Area, vicerrector de Relacións Institucionais da entidade académica.

Area, que participou hoxe na inauguración oficial do evento que reúne a unha trintena de empresas dende o pasado luns e que ten por obxectivo orientar aos estudantes de enxeñarías no seu futuro laboral, así como poñelos en contacto coas diferentes empresas do sector.

O foro configúrase como un espazo para difundir información repartida en diferentes stands, algúns deles atendidos por ex alumnos da Universidade de Vigo, así como outras actividades, entre as que destacan as conferencias, 'workshops' e mesmo un almorzo organizado cos representantes das empresas. Así mesmo, o alumnado, especialmente o dos últimos cursos, poderá deixar os seus currículos nas diferentes compañías.

No acto de inauguración, Area estivo acompañado polos directores das tres escolas de enxeñaría do campus e polo director do Instituto de Desenvolvemento de Caixanova, Carlos Palleiro, quen animou aos universitarios a rematar "canto antes" os estudios xa que hai "moitas empresas esperando".

O 'Foro Tecnolóxico de Emprego', no que participan empresas do sector tecnolóxico celébrase dende o pasado luns e concluirá mañá. Entre os actos previstos para o último día figura a conferencia organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) sobre 'O apagamento Analóxico: o papel emprendedor do enxeñeiro de telecomunicacións na era dixital', que será impartida por Faustino Castro.

"PRESTIXIO".

O xestor de recursos Humanos de Repsol, Carlos Ortuño, destacou hoxe que as empresas participantes no 'Foro Tecnolóxico' acoden á cita "non só polo enorme prestixio que teñen as enxeñarías en Vigo" senón porque a compañía "quere incorporar enxeñeiros galegos á súa refinaría da Coruña". Ademais, considerou que o evento é unha "excelente oportunidade" para contactar cos estudantes, posto que estes "moitas veces non se achegan ás diferentes empresas do sector" por descoñecemento".

Pola súa banda, Raquel García e Carolina Pérez, da consultora internacional Everis, explicaron que, só na tarde do pasado martes, recolleron máis de 20 currículos, a maioría de Telecomunicación e Industriais, aínda que tamén de Administración de Empresas.