'Galiciencia' recibe aos proxectos innovadores de "máis de cen" estudantes de toda España

Actualizado 25/11/2009 22:13:38 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Nov. (EUROPA PRESS) -

'Galiciencia' 2009 acolle, dende hoxe ata o venres, a máis de cen estudantes de Galicia, Cataluña e Euskadi que defenderán os seus proxectos de enxeñaría e investigacións científicas destinados á "mellora" da vida cotiá.

Segundo informou a Xunta, o evento que ten lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnólope) constitúe a "maior" feira científica que se celebra anualmente na autonomía, na cal se prevé a participación de máis de 2.000 persoas.

A iniciativa, promovida por Tecnólope e patrocinada pola Consellería de Economía e Industria, contará cun total de 15 proxectos de escolares da provincia de Pontevedra, outros 15 de Ourense, 9 de A Coruña, 4 de Lugo, 6 de Barcelona e 1 de Guipúzkoa.

Entre os proxectos deseñados para "mellorar" a vida cotiá destacan un protector para xeados que "evita que un se manche", presentado por alumnas da localidade de San Cristovo de Cea (Ourense) e un modelo de roda para automóbil con dobre cámara e reflectantes que estudantes do IES Xoán Montes de Lugo deseñaron para circular "máis seguros" nas vías molladas.

Nesta liña, en 'Galiciencia' tamén sobresae unha mochila ergonómica para evitar sobrecargas nas costas, ideada por un equipo do Colexio Guillelme Brown de Ourense --formado por estudantes "fartos de sufrir polo peso dos libros todos os días"--.

No que se relaciona con enxeñaría informática, dous equipos do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela destacan cun conxunto de sensores que, ao "funcionar de forma coordinada", permiten o control de sistemas informáticos mediante o movemento do corpo --tamén coñecido como Handtracking v2.0-- e un sistema operativo para ordenador sen a necesidade de instalación.

ENERXÍAS LIMPAS

As enerxías renovables e as innovacións relacionadas coa protección do medio ocupan un lugar privilexiado nos proxectos dos estudantes.

Exemplos de inventos dese ámbito son a "novidosa" instalación termo+fotovoltaica de alumnos do CPR Divino Mestre de Ourense; un novo motor eléctrico con maior rendemento desenvolvido por estudantes barceloneses; ou un panel solar con células orientadas, ideado por estudantes de Lugo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies