21-O.- A participación nas novenas eleccións galegas alcanza o 63,8%, a cuarta máis elevada

VOTO , VOTACIONES , URNA
EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 22 octubre 2012 3:35

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Oct. (EUROPA PRESS) -

A participación rexistrada nas novenas eleccións galegas que se celebraron este domingo, co 99,98 por cento dos sufraxios escrutados, foi do 63,8 por cento do electorado residente na comunidade, o que supón unha abstención do 36,2 por cento, e se converte na cuarta maior afluencia a urnas dende os primeiros comicios de 1981.

Non obstante, esta porcentaxe de participación reducirase nos resultados definitivos das eleccións, coa incorporación do escrutinio do sufraxio do Censo de Residentes Ausentes (CERA), que se iniciará o próximo 29 de outubro, posto que tan só solicitaron o voto pregado 30.526 residentes no estranxeiro, o 7,68 por cento dos 397.382 emigrantes galegos e os seus descendentes nacionalizados que tiñan dereito a votar nesta convocatoria.

A participación nas pasadas eleccións autonómicas cos datos referidos só aos electores residentes, fora a máis alta da historia, xa que na xornada electoral do 1 de marzo de 2009, o 70,45 por cento dos galegos con dereito a voto acudiron ás urnas, co que a abstención fora do 29,55 por cento.

Os datos de participación das pasadas autonómicas modificáronse posteriormente coa incorporación dos resultados do escrutinio do censo de residentes ausentes, que fixo baixar a participación ata o 64,43 por cento, a cifra máis alta rexistrada ata o momento.

Desta forma, nas eleccións de 2009 superouse a marca de participación que previamente se establecera nas autonómicas de 2005, cando o 19 de xuño de 2005, o 68,1 por cento dos galegos con dereito a voto foron aos colexios electorais, co que a abstención foi do 31,9 por cento. Nos comicios de 2005, a participación definitiva, co reconto do voto exterior xa computado quedara no 64,21 por cento.

A terceira maior afluencia dos galegos ás urnas rexistrouse nas eleccións de 1993, cando os resultados definitivos sinalan que acudiu a votar o 64,13 por cento do electorado e se rexistrou unha abstención do 35,87 por cento.

Estas son as cifras definitivas de participación --xa contabilizado o escrutinio do voto emigrante--, nos comicios autonómicos anteriores:

+ VIII Lexislatura (2009): 64,43 por cento (Abstención, 35,57%)

+ VII Lexislatura (2005): 64,21 por cento (Abstención, 35,79%)

+VI Lexislatura (2001): 60,17 por cento (Abstención, 39,83%)

+V Lexislatura (1997): 62,52 por cento (Abstención, 37,48%)

+IV Lexislatura (1993): 64,13 por cento (Abstención 35,87%)

+ III Lexislatura (1989): 59,51 por cento (Abstención, 40,49%)

+II Lexislatura (1985): 56,33 por cento (Abstención, 43,67%)

+I Lexislatura (1981): 46,22 por cento (Abstención, 53,78%)