Foto: TURGALICIA
A Coruña sitúase coa provincia con maior puntos con peor cualificación
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Feb. (EUROPA PRESS) -
O 92 por cento das zonas de baño de Galicia presentan unha calidade axeitada da auga e "son suficientemente boas", sendo no 70,7 por cento dos casos excelente, mentres que un 8,2 por cento ten unha cualificación de insuficiente.
Segundo o informe correspondente á cualificación sanitaria final das zonas de baño en Galicia de 2011, dos 519 puntos de mostraxe das zonas de baño, o 70,7 por cento obtivo unha cualificación sanitaria excelente; o 13,1 por cento, boa; o 8 por cento, suficiente e o 8,2 por cento, insuficiente.
No censo oficial da tempada 2011 figuraban un total de 499 zonas de baño con 519 puntos de mostraxe que se atopan en 118 municipios da Comunidade galega, que aumentou en dúas zonas de baño e puntos de mostraxe respecto ao período 2010.
O director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Varela Rey, explicou, en rolda de prensa, que "mellorou a calidade das augas" respecto ao ano pasado, ao aumentar o número de zonas que logran a mellor cualificación; sendo do 63 por cento en 2010 e de máis de 70 por cento excelente en 2011.
Por ámbitos, as zonas de baño marítimas con cualificación excelente foron unha 66,3 por cento; boa, un 9,6 por cento; suficiente, un 6,8 por cento; e insuficiente, un 6,4 por cento. Nas continentais, un 4,4%, excelente; un 3,4%, boa; un 1,2%, suficiente; e un 1,8% insuficiente.
"A calidade da auga na zonas de baño de Galicia é moi boa", afirmou Varela Rey, para engadir que "están perfectamente controladas e non hai ningún tipo de risco". Ao respecto, ratificou que "non se produciron brotes" na comunidade por este tema", comentou en relación a casos de gastroenteritis ou outros debido ao estado da auga.
Así, resaltou que este tipo de controis das zonas de baño, que se realiza entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, pretende "minimizar o risco de contraer enfermidades durante o baño", así como manter informada periodicamente a poboación.
CALIDADE INSUFICIENTE
En concreto, segundo recolle o informe publicado na web do Sergas, 46 puntos --cinco dos cales están en situación provisional porque non pasaron o mesmo número de controis que o resto como esixe a nova normativa-- tiveron a cualificación de insuficiente --32 de zonas marítimas e 14 continentais--. Deles, 21 corresponden á provincia de A Coruña --todos eles de ámbito marítimo--.
Pola súa banda, a provincia de Pontevedra presenta doce puntos con calidade insuficiente --oito marítimos e catro continentais--; Lugo, oito --tres e cinco, respectivamente--, e Ourense cinco --continentais--.
Varela comentou que, segundo a lexislación vixente, as autoridades competentes aplicarán as medidas necesarias para que, a finais de 2015, todas as augas de baño sexan de calidade "ao menos suficiente".
Por iso, a Consellería de Sanidade insta aos concellos nos que se atopan estas zonas con cualificación sanitaria insuficiente a "adoptar as medidas oportunas" para mellorar a calidade sanitaria da auga de baño.
Segundo os datos de Sanidade, a vixilancia e control sanitario tivo lugar no 100 por cento das zonas de baño censadas e o cumprimento do programa "foi adecuado" cun índice de produción de mostras do 99,8 por cento.
AS CONCHAS
Varela Rey fixo fincapé na incidencia rexistrada en 2011 no encoro ourensano de As Conchas, onde "houbo un afloramento de cianobacterias", fronte ao que "houbo unha actuación coordinada", segundo recordou, da Consellería de Sanidade, a Confederación Hidrográfica e o Concello.
Así, recordou que se recomendou non se bañar nas praias da zona --situadas no municipio de Bande e de Muíños--. "Este é un problema estrutural da zona, e probablemente na tempada 2012 teñamos un problema similar", apostilou, para remarcar que "non deixa de ser un problema puntual".
O informe de 2011 sinala que a zona de baño de Portoquintela, en no municipio de Bande, deste encoro, recibiu a cualificación de insuficiente; mentres que a de O Corgo-A Rola, en Muíños, obtivo a de suficiente, coa recomendación de non se bañar durante a tempada 2011 polo afloramento de cianobacterias.