Abanca reivindica a Responsabilidade Social Corporativa como parte do "ADN" da entidade

IV Foro Abanca
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 25 mayo 2018 11:53

Empresas galegas presentaron no IV Foro Abanca Responsable as súas iniciativas vinculadas coa economía circular

A CORUÑA, 25 May. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, reivindicou a Responsabilidade Social Corporativa como parte do "ADN" da entidade, durante a súa intervención no IV Foro Abanca Responsable, celebrado este venres no Pazo de Iñás en Oleiros (A Coruña) e no que se abordaron os desafíos da economía circular.

O acto de inauguración deste encontro --coa presenza de representantes dunhas 70 empresas, institucións e organizacións do terceiro sector-- contou coa presenza tamén do conselleiro que o pasado 4 de maio asumiu temporalmente as facultades da presidencia da entidade, Eduardo Eraña, e do director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación, Miguel Ángel Escotet.

Na inauguración, o conselleiro delegado de Abanca remarcou que a Responsabilidade Social Corporativa está no "ADN" da entidade e tamén nas súas "prioridades estratéxicas". Ademais, subliñou iniciativas no ámbito da eficiencia enerxética, o que supuxo "un 10% na redución dos custos e un 9% na redución de emisións".

Por outra banda, indicou que o ano pasado retiraron 68 toneladas de pantallas, Pcs, e caixeiros. Sobre esta iniciativa, sinalou que, excluíndo estes últimos, reciclaron "o 50%". "Son pequenas iniciativas que cada empresa debe realizar e que reverte no medio ambiente".

Botas, que mostrou a súa confianza en que do foro xurdan "novas iniciativas", destacou tamén os investimentos realizados pola entidade en materia de Responsabilidade Social Corporativa.

En concreto, dixo que desde 2014 o investimento foi de 30 millóns de euros. A iso, sumou o apoio da entidade a propostas nesta materia. "Estamos a tentar mellorar o apoio á sustentabilidade", recalcou.

DESAFÍOS DA ECONOMÍA CIRCULAR

Baixo o título 'Economía circular. Desafíos, iniciativas e inspiracións', o encontro tivo como obxectivo dar a coñecer o concepto de economía circular e mostrar exemplos de iniciativas galegas de éxito neste ámbito.

En concreto, compartiron a súa experiencia no marco deste foro a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), cuxo director xeneral, Isidro García, lembrou que "en España o 57% dos residuos urbanos van a vertedoiro, fronte a un 5% en Alemaña".

Co apoio financeiro de Abanca, aludiu tamén ao investimento realizado por Sogama nunha planta de compostaxe "para recuperar un 12 ou un 15% dos materiais que van ter unha nova vida".

Revertia, compañía viguesa centrada na reutilización e reciclaxe dos residuos xerados nas organizacións, e Agroamb, empresa lucense dedicada á valorización dos residuos orgánicos do tecido industrial galego para o sector agrícola, foron outras das iniciativas presentadas.

MARCO NORMATIVO

Un relatorio sobre os desafíos ambientais aos que se enfrontan as organizacións na actualidade e o marco normativo europeo e nacional que regula este ámbito foron outras das cuestións incluídas no programa deste IV Foro Abanca Responsable.

Creado pola Obra Social Abanca en novembro de 2016, o seu obxectivo é "contribuír ao desenvolvemento da responsabilidade social empresarial (RSE) en Galicia a través do fomento e aplicación de modelo de xestión responsable nas empresas da comunidade", explica a entidade.