Aborto.- PSOE e BNG acusan á Xunta de incumprir a lei e o PP afirma que "se cumpre estritamente aínda que é horrible"

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 3 septiembre 2010 19:34

SANTIAGO DE COMPOSTELA 3 Sep. (EUROPA PRESS) -

Os grupos que conforman a oposición no arco parlamentario galego -- PSdeG e BNG-- acusaron este venres á Xunta de incumprir a Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo a través da "derivación sistemática" das mulleres que pretenden abortar a centros privados, algo que foi negado rotundamente polo PPdeG, que garantiu que o Goberno galego "cumpre estritamente" coa normativa, malia que esta é "horrible".

En comisión parlamentaria, a deputada do BNG Ana Pontón --a impulsora da iniciativa encamiñada a instar á Xunta a que cumpra coa citada le -- denunciou que o PP utilice as institucións nas que goberna para "limitar o alcance" desta norma, que non só establece o dereito das mulleres a decidir sobre o seu embarazo nas primeiras 14 semanas senón que se centra na prevención a través da educación sexual e afectiva.

"É un marco positivo", concluíu a nacionalista, quen censurou que a Xunta estea a "dar as costas" a mulleres cun dereito recoñecido amparándose "na súa moralidade", que, en cambio, non lle impide utilizar diñeiro público para financiar a organizacións "afíns" para así "contentar a un sector ultra e antiabortista".

Con ela ha coincido a parlamentaria socialista Silvia Fraga, quen criticou "a postura hipócrita" do PP ao obviar que cada ano se producen máis de 100.000 abortos mentres "se apoian na súa falsa moral" para financiar "redes afíns con diñeiro público que retiran de servizos públicos". "Eríxense en garantes da familia, pero o seu apoio é máis ben de boquilla", resolveu.

Dito isto, subliñou que as leis son "de obrigado cumprimento" e recordou os populares que as administracións que gobernan "non están por enriba das leis". Así, reclamou o Executivo autonómico que forme "axeitadamente" aos profesionais e que deixe de instar á obxección de conciencia".

POSTURA DO PP

Fronte a iso, o deputado do PP Miguel Santalices espetou que a Lei do Aborto é "horrible" e expresou o seu desexo de "botala abaixo" ante o "absoluto desprezo" que lle xera. Malia iso, segundo garantiu, a Xunta está a cumprir "estritamente"; polo que avanzou o seu voto en contra á proposición non de lei por non ser "necesaria".

Ademais, respecto da "derivación sistemática" ao sistema privado, denunciado por socialistas e nacionalistas, indicou que as mulleres "poden elixir a qué hospital van"; mentres que rexeitou que a Xunta instara os profesionais a "obxectar", dado que isto forma parte da "conciencia individual" de cada un.

A maiores, o parlamentario popular recriminou a formación frentista que se erixa en garante do cumprimento das leis, dada a súa postura de "rebelión" contra o decreto que regula a utilización do galego nas aulas.

INFORMACIÓN

Por outra banda, Pontón revelou que na páxina web do Sergas existe "un déficit de información" sobre a interrupción voluntaria do embarazo e advertiu de que a lei obriga a facilitala.

Ademais, considerou "realmente escandaloso" que no apartado de información haxa un enlace á páxina da Red Madre. Co fin de que se retire, os socialistas presentaron unha emenda, xa que interpretaron como "intolerable" que se conecte a páxina do Sergas coa desa organización, que alerta de que "abortar rompe parellas".

En fronte, Santalices lamentou que aos grupos da oposición "lles pareza mal" que as mulleres que acoden á páxina web da Xunta para obter datos sobre o procedemento para interromper o seu embarazo obteñan maiores información sobre que "existe unha rede de apoio a embarazadas".

Contenido patrocinado