SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforros e Seguros Bancarios (Adicae) convocou unha mobilización este sábado, 22 de xuño, en Santiago en defensa dos consumidores afectados por "fraudes bancarias", como as cláusulas solo ou as preferentes. Trátase dunha convocatoria que se repetirá no resto de comunidades autónomas na mesma xornada.
A mobilización comezará ás 16.00 horas na Praza do Obradoiro e partirá despois cara á estación de ferrocarrís, aínda que antes Adicae participará, ás 14.00 horas, na sentada que a coordinadora de plataformas de afectados por preferentes e subordinadas de Galicia realiza tamén na praza compostelana.
Unha das traballadoras de Adicae Santiago, Verónica Pazos, sinalou que a asociación quere "poñer en marcha" unha "marea de consumidores" que "englobe a colectivos diversos" como os "afectados por hipotecas, cláusulas solo, clips, participacións preferentes, fraudes ao aforro e casos como os de Forum, Afinsa e Arte e Natureza", que, neste último caso, levan "sete anos sen solución nos xulgados".
Adicae fixo un cálculo que denomina "conta da banca" co que estima que hai máis de 500.000 familias hipotecadas e "en situación límite"; máis de 250.000 familias que perderon as súas vivendas; máis de tres millóns de "vítimas" das participacións preferentes, débeda subordinada e outras "fraudes" do aforro; 470.000 familias "vítimas" de Forum, Afinsa e Arte e Natureza; e catro millóns de afectados por cláusulas solo nas hipotecas.
Ante todos estes casos, Pazos indicou que Adicae leva "saíndo á rúa" todos os xoves dende hai sete semanas para darlle "un toque á banca". Desta forma, a asociación promove "a mobilización social nas rúas" e sostén que "todos estes casos deben estar unidos" para "facerse ver".
PARTICIPACIÓNS PREFERENTES
En referencia ás participacións preferentes, Adicae solicitou "o cen por cento da recuperación dos aforros da xente" que adquiriu este tipo de produtos. Ademais, sinalou que débese diferenciar entre os clientes con preferentes con "perfil aforrador" e os de "perfil investidor", xa que estes últimos suman unha cantidade "ínfima", un "cinco por cento" fronte ao 95 por cento de afectados.
A asociación indicou tamén que estará presente na comisión de investigación das caixas o próximo 4 de xullo, "para ver cal era a situación inicial das entidades e ver de onde vén o engano".
Adicae tamén sinalou que está presentada unha querela penal en Madrid na que están "personados" e esperan que "a través desa querela penal si se poida lograr que algúns dos antigos dirixentes destas entidades poidan ir ao cárcere".
REIVINDICACIÓNS
Adicae solicita "unha lexislación hipotecaria nova", xa que considera que "a actual é abusiva", pois, aínda que se "fixeron pequenas reformas hipotecarias", "parece que un consumidor ten que estar afundido para que se lle poidan aplicar".
Reivindica tamén unha nova banca e "un novo sistema financeiro", ademais de que "as demandas que están nos xulgados saquen á luz aos verdadeiros responsables desta crise" para que "paguen por iso" e "non os consumidores", como consideran que está a acontecer a día de hoxe.
Por último, Adicae pediu que se "solucionen os casos de fraude de Forum, Afinsa e Arte e Natureza", que "levan sete anos sen solución nos xulgados".