Adicae ve "un exercicio de cinismo" na eliminación da cláusula solo dende maio e pide aos bancos "claridade"

Critica os prazos para o troco e a liquidez de preferentes de NCG e afea ao banco que "non o quere poñer doado" na vía xudicial

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 18 junio 2013 13:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Jun. (EUROPA PRESS) -

A coordinadora de Adicae Galicia, Iria Aguete, considera "un exercicio de cinismo" a eliminación da cláusula chan das hipotecas dende maio e non dende o momento de subscrición do contrato. Ademais, reclama os bancos "que se fagan ben as cousas, con transparencia e con claridade".

Nunha entrevista á Radio Galega que recolle Europa Press, Aguete opina que "o lóxico sería" que o reintegro das cantidades aos clientes das entidades financeiras se producise a partir do momento da sinatura do contrato hipotecario.

"Pero o Tribunal Supremo agarrouse a unha cousa que consideramos un pouco estraña", explica, ao sinalar o argumento de que "por non alterar a orde económica do país, non se vai devolver este diñeiro".

Ante isto, a coordinadora da división galega de Adicae subliña que "nun Estado de Derecho" é preciso "facer uns cálculos" e presentar cifras, porque decidir este tipo de cuestións "así por riba, sen datos", ao seu xuízo constitúe "un exercicio de cinismo".

PREFERENTES

Por outra banda, sobre o inicio do proceso de troco por accións de preferentes e subordinadas de Novagalicia, Iria Aguete critica os prazos determinados para elixir unha "opción" que cualifica de "aterradora".

Así as cousas, e nun procedemento "tremendamente complexo", recomenda aos usuarios que, no momento de decantarse por unha ou outra posibilidade, "ten que primar o criterio económico".

En canto a acudir á vía da Xustiza, censura o comportamento de NCG, que "non o quere poñer doada" xa que está a recorrer algunhas das sentenzas no seu contra e ademais, segundo afirma esta voceiro, está a buscar argumentos formais para evitar que os autos se diten en firme.

Malia todo, a responsable de Adicae Galicia mostra confianza en que chegará o día en que a Xustiza se pronuncie acerca de que a comercialización deste tipo de produtos financeiros a clientes minoristas foi unha fraude. "Chegaremos a iso", sentencia.

Contenido patrocinado