Afectados pola explosión de Tui denuncian que hai familias en situación "urxente" por falta de medios para aloxarse

Cascallos após a explosión de Tui en Paramos, que deixou arrasou vivendas
Europa Press
Publicado: sábado, 26 mayo 2018 19:26

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 May. (EUROPA PRESS) -

   A Plataforma dos veciños afectados pola explosión de material pirotécnico en Tui (Pontevedra) alertaron de que, a pesar das últimas medidas anunciadas polas administracións, como un fondo de emerxencia municipal e a creación dun gabinete de crise, aínda hai familias en situación "urxente" por falta de medios para atopar aloxamentos alternativos.

   En declaracións a Europa Press, Lupe Pérez, portavoz da Plataforma, valorou positivamente algunhas das medidas adoptadas este sábado, como o fondo de emerxencia habilitado polo Concello de Tui, dun millón de euros, para os afectados pola explosión, aínda que sostén que se necesitan medidas máis urxentes xa para a fin de semana.

   "O fondo de emerxencia era unha das necesidades básicas, igual que a creación do gabinete de crise", explicou, pero "hai unha chea de afectados que non teñen residencia" e "o urxente é dotar á xente de vivenda".

   Así, explicou que a Plataforma está a recompilar os datos dos afectados pola explosión dun almacén pirotécnico rexistrada o mércores na parroquia de Paramos, en Tui.

   Lupe Pérez sinalou que se están pondo en contacto cos afectados que "non poden desprazarse", e que constataron que "hai situacións moi graves", sobre as que darán traslado ao concello xa nestas próximas horas.

   "Hai moita xente que só ten o posto, e o urxente é a vivenda, dotar á xente de vivenda, hai xente que a necesita de forma temporal mentres reparan a súa casa, pero outros a necesitarán a longo prazo, porque é irreparable, e teñen nenos que teñen que seguir indo ao colexio", agregou.

   Por este motivo, aínda que valora positivamente a creación dun fondo de emerxencia, insta á administración local a axilizar as posibles respostas a afectados sen esperar ao luns.

   Segundo os datos que achegou Lupe Pérez, son ao redor de 30 familias as que non poden regresar ás súas vivendas, e pediu que sexa a administración a que colabore na procura de pisos de aluguer para o seu reacollo, porque "a xente que quedou sen casa ten que ir buscala polos seus propios medios, e algúns non teñen medios nin capacidade psicolóxica para iso".

   Ademais, alertou que "hai familias que a día de hoxe non poden facer fronte aos pagos nin adiantar diñeiro".

   "Din que o fondo de emerxencia vai estar dispoñible a partir do luns, pero esta xente está a sábado e non teñen onde durmir, nin onde comer, a xente está moi desesperada", remarcou.