AGE achaca o "golpe de estado metafórico" da reforma electoral a que o PP sabe que "ten perdidas as eleccións"

Yolanda Díaz, en rueda de prensa
EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 1 septiembre 2014 17:25

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Sep. (EUROPA PRESS) -

A vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), Yolanda Díaz, xulgou este luns que a reforma electoral supón "un golpe de estado en termos metafóricos" e atribuíuna a que o PP "ten perdidas as eleccións nas medianas e grandes urbes".

"Pero a pesar dos apaños e dos golpes de leme, o PP sabe que se vai atopar coa cidadanía en fronte", sostivo Díaz, en declaracións aos medios na Cámara, sen deixar de insistir en que a cidadanía "se vai rebelar contra os golpes de man".

Dito isto, lamentou que o PP pretenda "manterse no poder" cambiando a lei electoral de forma "contraria" ao que ditan os organismos internacionais sobre "o tempo político no que se vai producir", a menos de un ano das municipais.

"A Comisión de Venecia ilustra sobre cáles son as boas prácticas en materia de reforma electoral e o PP fai xusto o contrario", abundou, e criticou que tamén desoia as recomendacións do Consello de Estado.

"O PP NON ESCOITA"

Ao respecto, a 'número dous' de Xosé Manuel Beiras no Pazo do Hórreo recordou que este órgano defende "reformas que avancen na proporcionalidade dos votos" para "reforzar un sistema democrático posto en cuestión".

"Pero o PP non escoita e fai xusto o contrario, porque se quere manter no poder ao prezo que sexa", censurou a tamén coordinadora de Esquerda Unida, "antes de facer de novo fincapé en que a cidadanía se vai rebelar contra eses desmanes".