AGE acusa o PP de utilizar a "vella fórmula do cemento" para "tapar as carencias" dun goberno "esgotado"

El diputado de AGE Antón Sánchez
EUROPA PRESS
Actualizado: domingo, 1 marzo 2015 18:41

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Mar. (EUROPA PRESS) -

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) acusou o Partido Popular de Galicia de utilizar a "vella fórmula do cemento" para "tapar as carencias" dun goberno "esgotado" ante os seus anuncios, "en período electoral" das autovías A-57 e A-54 e a ampliación de carrís na ponte de Rande e a AP-9 en Santiago.

"O Partido Popular continúa coa súa vella fórmula de malgastar en cemento coa que pretende ocultar a nefasta situación económica na que se atopa Galicia debido ás políticas de Alberto Núñez Feijóo", denunciou nun comunicado o deputado de AGE Antón Sánchez.

"A obra de ampliación de Rande é, unha vez máis, a insistencia nun modelo de dilapidación nun sistema de mobilidade insostible, económica e ambientalmente, que foi un dos factores que levou a este país a deixar hipotecadas ás próximas xeracións, que terán que pagar as consecuencias desta orxía de infraestruturas sen outro sentido que dar negocio a determinadas empresas," criticou.

Así mesmo, considerou que a "multiplicación de carrís" non solucionarán "eses supostos problemas de mobilidade" que "hipoteticamente existen". "Só cunha política integral e intermodal é posible facelo, tal e como defende AGE", sinalou.

Neste sentido, o deputado de AGE lamentou que pareza que o Partido Popular "non aprendeu nada do acontecido neste país ata chegar a esta terrible crise, que castiga moita xente para pagar os excesos dos que se lucraron as grandes construtoras".

Ante estas cuestións, Antón Sánchez avanzou que a súa formación preguntará no Parlamento de Galicia polos datos nos que se basea a Xunta e Fomento para asegurar que a ampliación de Rande mellorará o tráfico e suporá unha mellora na competitividade da provincia.