AGE esixe unha "rectificación inmediata" ao delegado do Goberno por acusalo de "alentar á violencia"

Agentes de la Policía Nacional cargan contra manifestantes en Santiago
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 26 agosto 2014 16:52

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Ago. (EUROPA PRESS) -

O Grupo Parlamentario de AGE esixe ao delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, unha "rectificación inmediata" e que "pida desculpas" a esta formación polas súas "declaracións e falsas afirmacións" de que os deputados desta coalición "alentaron a violencia" contra a Policía durante a protesta en Santiago con motivo da visita de Angela Merkel e a súa reunión co presidente do Goberno, Mariano Rajoy.

Así, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, lamentou que unha persoa que ostenta un cargo da súa responsabilidade "teña a pouca sensatez de atacar e sinalar co dedo ao seu grupo sen ningún tipo de proba nin coñecemento ningún da realidade".

Así mesmo, negou rotundamente as afirmacións de Juárez sobre o seu grupo, xa que os deputados "que chegaron á Quintana para mostrar o seu rexeitamento ás políticas de recortes impostas pola troika e impulsadas pola señora Merkel en ningún momento mantiveron nin alentaron ningún comportamento violento".

AGE esixe, así mesmo, que se dean explicacións pola actuación policial, xa que "en ningún momento se deu comportamento violento" por parte da cidadanía", senón que foi en todo momento "unha protesta pacífica".

Neste sentido, Alternativa Galega de Esquerda insiste en que "non se xustifica de ningunha forma a brutal, desproporcionada e inxustificable carga policial que tivo lugar".

Así as cousas, AGE esixe a rectificación do delegado do goberno, así como o seu "cesamento inmediato", xa que con este tipo de actuacións e declaracións, que "suma a moitas outras anteriores", a xuízo de AGE, "deixa claro, unha vez máis, que non está preparado para ocupar un posto da responsabilidade que supón ser o delegado do Goberno en Galicia".