AGE tamén defende como o BNG eliminar a barreira do 5% no Parlamento e presentará a súa proposta "en breve"

O PPdeG ofreceu diálogo sobre a súa proposta para que non se entendese ventajismo fronte á Lei actual, e antes de coñecerse estas pretensións

Hemiciclo gallego, Parlamento de Galicia
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 23 mayo 2013 22:11

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 May. (EUROPA PRESS) -

A reforma da Lei electoral que idea o PPdeG, e que aínda non foi rexistrada na Cámara autonómica, xa ten resposta dos grupos da oposición, no caso do BNG, por escrito, tras rexistrar a súa propia proposta na que, entre outras cuestións, aposta por eliminar o listón do 5 por cento para entrar no Parlamento.

Niso coincide con AGE, toda vez que a eliminación da barreira para entrar na Cámara é unha das esencias da proposta na que traballa este grupo parlamentario, que presentará "en breve" e que será "ambiciosa e rupturista", en palabras do parlamentario Xabier Ron quen, en declaracións a Europa Press, destacou que existen "confluencias lóxicas" entre a iniciativa lexislativa do Bloque e a que presentarán proximamente.

Paralelamente, os socialistas tamén preparan unha resposta para o PPdeG, que estará acompañada dunha reforma ampla. Nela, tocarase a Lei electoral, pero tamén o funcionamento do Parlamento, e da Administración autonómica en xeral, todo iso na busca dun aumento da calidade democrática.

"O que importa agora é acabar coa barreira e a desproporcionalidade do sistema d hont na repartición de escanos, sinalou Xabier Ron, quen remarcou que tamén se trata de mellorar a pluralidade democrática en tempos electorais.

Neste sentido, o deputado de AGE, militante de Esquerda Unida (EU), exemplificou que eles "coñecen moi ben a imposibilidade de transcender para poder ofrecer á cidadanía e dicir alto e claro cáles son as propostas e o programa electoral".

"NON IMOS BAILAR O SON QUE NOS TOQUEN"

Por outro lado, o voceiro parlamentario de Alternativa Galega, Xosé Manuel Beiras, insistiu este xoves en que esta formación vai boicotear ese ataque que se fai aos principios máis elementais do sistema democrático", pero farao no momento que considere "oportuno". "Non imos bailar ao son que nos toquen", avisou, aínda que apuntou que iso "non impide" que acudan a unha reunión para "dicir claramente as cousas que hai que dicir".

A súa postura, dixo, en resposta a preguntas dos xornalistas tras asinar o pacto galego contra a pobreza, é "en principio" a de asistir ás reunións que se convoquen. Sobre a intención do PSdeG de acudir aos encontros, Beiras dixo que AGE mantén "interlocución cos demais grupos" e quedaron en verse. "Polo tanto, teremos formalización desa posición", manifestou. "A nosa posición é a de asistir. Que non se poida dicir que nós non asistimos", abundou.

O BNG ENVÍA UNHA CARTA

Pola súa parte, o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, explicou que remitiu unha carta aos populares para indicar que os nacionalistas "non van participar en ningunha reunión para chegar a un acordo sobre a proposta electoral" de reducir deputados.

Neste sentido, xulgou que "o que non se pode é chamar a un consenso e, ao mesmo tempo, dicir que inescusablemente ten que haber unha redución de escanos e que, de non haber acordo, a tramitará" igualmente.

En oposición ao que Jorquera cualificou de "deterioración para manter unha maioría absoluta", o BNG presentou a súa propia proposta lexislativa, como adiantou Europa Press este mércores, e coa que pretende contar cunha "reserva" para, nun momento dado, poder contrastar a proposta dos populares coa súa no debate parlamentario.

"Fronte á degradación da democracia, consiste en avanzar en máis democracia, nun sistema proporcional puro, para que exista unha correspondencia plena entre o que votan os cidadáns nas urnas e o Parlamento", explicou Jorquera quen tamén destacou que pretende mellorar a calidade democrática favorecendo a existencia de debates electorais durante a campaña e espazos para as forzas que non teñen representación no Parlamento.

O PPDEG ABRIU O DIÁLOGO

Previamente, os populares, que aínda non contestaron a estas propostas, si abriran a porta a "falar" cos grupos da oposición no sentido de "como axustar a reforma" que propoñen e que, entre outras cuestións inclúe a redución de deputados de 75 a 61. Iso para que "ninguén entenda" que se buscan ventaxismos e non se lle poida acusar diso.

Así, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces do martes, e antes de que se coñecesen as pretensións de eliminar a actual barreira do 5 por cento, o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, afirmou que o que a súa formación "quere falar" cos demais grupos é o modo en que cambiar a normativa e sinalou que "se"pode axustar". De tódolos xeitos, asegurou que "non se produce ningún tipo de vantaxe" e afirmou que a repartición dos 61 escanos deixaría os mesmos grupos na Cámara.

CONTACTOS PARA CUBRIR VACANTES

Por outro lado, populares e socialistas encamiñáronse ao diálogo para cubrir os postos vacantes das institucións, como o consello de contas ou o Senado, así como para a próxima renovación da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), unha vez que remate a súa conversión en sociedade.

Preguntado en rolda de prensa, o vicevoceiro socialista, José Luis Méndez Romeu, referiuse a que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "fixo un convite formal" no pasado pleno para retomar o diálogo co fin de cubrir os postos vacantes nas institucións. "O PSOE responderá con prudencia, pero tamén con claridade", sinalou.

Contenido patrocinado