Alba Nogueira percibe, tras o apoio aos textos, que a militancia do BNG quere "debater" sen "poñer trabas"

Actualizado: sábado, 6 febrero 2016 20:16

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Feb. (EUROPA PRESS) -

A profesora universitaria Alba Nogueira, autora dun dos textos alternativos á liña oficial do documento aprobado polo consello Nacional o pasado sábado día 30, manifestou que percibe, tras o apoio aos documentos alternativos que deron xa algunhas asembleas comarcais, que a "militancia quere debater" sen "poñer trabas".

Nogueira subliñou que lle parece "positivo" que pasasen todos os votos particulares, os completos (o de ela e o das deputadas Carme Adán e Tereixa Paz), así como os parciais. "A militancia quere que se dea un debate aberto, franco e completo sobre a situación do Bloque e como saír dela; o positivo é que se queren escoitar todas as voces e, dentro desa lealdade, tirar para adiante", manifestou, en declaracións a Europa Press, a membro do consello Nacional.

Alba Nogueira considera que é "previsible" que suceda en máis bisbarras -- por agora coñécese que xa superaron o trámite ante a militancia en Allariz e en O Ribeiro--.

"Creo que con variedade de matices, pero coinciden basicamente nos obxectivos de repensar a fondo e en prazo breve a organización que queremos, como na cuestión de ser flexibles nas alianzas", subliñou, ao respecto dos textos alternativos á liña 'oficial'.

"O certo é que, o que pecibo na militancia, é que hai profunda preocupación polo BNG e o proxecto nacionalista, e ao mesmo tempo, hai unha vontade de non se poñer trabas na extensión da reformulación que temos que facer. A xente está claramente coa vontade repensar de todo o que sexa preciso", subliñou Nogueira.

VOTO PARTICULAR

O texto impulsado pola profesora universitaria Alba Nogueira formula a desaparición dos colectivos internos, ou como aposta o actual voceiro nacional, Xavier Vence, por unha organización de adscrición individual. Tamén é unha idea que tamén é compartida por persoas como o exparlamentario do BNG Carlos Aymerich, quen defendeu a "disolución da UPG" e resto de marcas.

No seu texto, a profesora universitaria formula ter como guías "reformular unha organización na esquerda nacionalista de adscrición individual entre iguais" e marca tempos máis curtos que a liña oficial, que se dá ata un ano para a reformulación e iniciar unha "nova etapa".

Ademais, está a favor dunha "alianza das forzas nacionalistas e das esquerdas para derrotar a dereita centralista e conformar un goberno plural na Xunta".