Feijóo e Gallardón reúnense en plena polémica pola supresión de partidos xudiciais

Actualizado: jueves, 31 julio 2014 11:15
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manterá este xoves en Santiago un encontro co ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, que se produce en plena polémica pola proposta do Goberno central de reformar a lei de Demarcación e Planta Xudicial para eliminar partidos xudiciais e concentralos nas capitais de provincia.

   En concreto, o xefe do Executivo galego anunciou na mañá deste xoves que manterá un encontro co ministro de Xustiza ás 12.45 horas no compostelano Pazo de Raxoi.

   O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicaba hai uns días, nunha entrevista concedida a Europa Press, o traballo "silencioso" do Goberno de Núñez Feijóo fronte a esta reforma e constataba "avances" no proceso de diálogo dos que, confiaba, chegarán "boas noticias".

   De feito, a Xunta xa trasladou ao departamento do Goberno central o seu desexo de que "non desapareza a actividade xudicial" en ningún dos partidos que hai en Galicia e que se teñan en conta as particularidades da Comunidade, como a dispersión poboacional.

   "Se ten que cambiar o modelo, se se vai especializar, hai que velo. Se o modelo do Ministerio é outro órgano distinto e novidoso como o tribunal de instancia non imos criticar iso; o que dicimos é que non se pode deixar sen actividade xudicial aos partidos que a teñen neste momento", explicou Alfonso Rueda a Europa Press.

   Numerosas asociacións profesionais, así como entidades locais e partidos políticos mostráronse en Galicia contrarios a esta posibilidade. De feito, os grupos representados no Parlamento galego aprobaron este mes de xullo por unanimidade unha proposición pedindo a "rotunda oposición" da Xunta á medida.