O alcalde de Arbo di que é unha "decisión individual" a súa solicitude de baixa no BNG e que "non periga" o goberno

Xavier Simón, Alcalde De Arbo (BNG)
EP/BNG
Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 9 febrero 2012 21:17

PONTEVEDRA 9 Feb. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Arbo, Xavier Simón, atribuíu a "unha decisión individual" a súa solicitude de baixa no BNG e asegurou que o goberno deste municipio pontevedrés, apoiado por tres concelleiros nacionalistas e tres independentes, "é estable e non corre perigo".

En declaracións a Europa Press, Xavier Simón confirmou que solicitou a baixa no BNG, pero evitou explicar os motivos que o levaron a tomar esta decisión "ata que o consello comarcal non tramite" a súa baixa como militante do Bloque, posto que este órgano está pendente de ser constituído tras a XII Asemblea que o Bloque celebrou o pasado 28 e 29 de xaneiro.

Xavier Simón, que militaba como independente nas filas nacionalistas, indicou que el seguirá como alcalde e que contará co apoio dos outros dous concelleiros do BNG neste municipio, que non lle consta que se vaian sumar á súa decisión de darse de baixa no Bloque.

"É unha decisión miña estritamente a nivel individual que non afecta ao grupo local", remarcou, tras indicar que "non hai ningún problema" para a gobernabilidade do Concello de Arbo pola súa decisión. Preguntado se optará por integrarse noutras siglas, respondeu: "non me formule iso aínda".

Xavier Simón Fernández converteuse no primeiro alcalde do BNG na bisbarra de Paradante o pasado mes de xuño, despois de recibir o voto dos tres edís do BNG e o dos tres concelleiros de Alternativa Independente de Arbo (A.I.AR.), grupo formado por persoas vinculadas no pasado ao PP e cos que acordou alternarse no bastón de mando.

Neste municipio de 3.800 habitantes censados, o PP fora a lista máis votada nas eleccións municipais do 22 de maio, ao conseguir o 44,74 por cento dos votos e cinco concelleiros, mentres que o PSdeG quedou sen representación nesta corporación.

Contenido patrocinado