O alcalde de Culleredo aposta por "desterrar as guerras internas" no PSOE provincial da Coruña

Actualizado: sábado, 25 octubre 2014 14:46

Pretende recuperar os "logros sociais" do partido como alternativa ao Partido Popular

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Oct. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Culleredo, Julio Sancristán de Diego, apostou por "desterrar as guerras internas" no PSOE provincial da Coruña para que a cidadanía "cambie a indignación pola confianza" na presentación da súa candidatura á Secretaría provincial.

Acompañado por militantes de diferentes agrupacións locais, Sancristán asegurou sentir "unha enorme ilusión" por afrontar esta nova etapa no partido. Segundo indicou, "as chamadas recibidas por compañeiros" do partido foron as que "fixeron" que se "decidise a dar este paso".

"Son consciente do traballo inxente que haberá que facer e da responsabilidade que asumiría, pero o reto non me asusta", afirmou o cullerdense, quen asegurou atoparse "con madureza e capacidade para asumir o cargo".

Na súa intervención, Sancristán referiuse á "convulsa" situación vivida no PSOE provincial ao sinalar que "non pode ser que a metade da militancia e dos cargos non se falen". "Se non superamos esta dicotomía, estaremos mortos", expresou.

Por iso, fixou no "desterro das guerras pírricas internas" e na "recuperación do diálogo" a "máxima prioridade" para a Secretaría provincial. "Para gañar o futuro debemos reinventarnos", apuntou.

E é que, ao seu xuízo, "ese gasto de enerxías nas batallas internas" fixo que "se perdese intensidade" para ofrecer á cidadanía "unha alternativa real ao Partido Popular". Así, avanzou que "retomar ese papel no PSOE coruñés" será un dos seus principais obxectivos.

GRUPOS SECTORIAIS DE TRABALLO

Neste punto, avanzou que unha das súas primeiras propostas será a creación de grupos sectoriais de traballo, compostos por militantes de base e cargos públicos da provincia. Segundo indicou, isto posibilitará a "creación de debates proveitosos sobre ideas e propostas acordes con sentir do partido e as necesidades da poboación".

"Necesitamos construír unha nova relación coa cidadanía", insistiu antes de avogar por establecer unha estratexia que lle permita ao partido "volver ter unha presenza social que nunca debeu perder".

Así mesmo, apuntou que "relanzar o papel das agrupacións locais" constituirá outra das prioridades de Sancristán. Sobre esta cuestión, asegurou que detectou "sensación de abandono", de "que non se lles fai caso" ás agrupacións máis pequenas", unha situación que promete "cambiar".

Por último, manifestou o seu compromiso "ético de honestidade e transparencia" para garantir "limpeza nos procesos orgánicos" e manter "a máis estrita neutralidade". "A decisión en cada agrupación será a que queiran libremente os seus militantes dentro do respecto aos estatutos do partido", apuntou.