O alcalde de A Illa non descarta unha fronte electoral de toda a esquerda se chega a liderar o PSdeG

Pon a súa "man no lume" por Blanco "e pola súa muller" e lamenta a "indefensión" dos imputados ante as filtracións

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 22 mayo 2013 22:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 May. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de A Illa de Arousa (Pontevedra) e un dos candidatos a facerse coas rendas do PSdeG, Manel Vázquez, afirmou este mércores que, de liderar o partido, non descartaría concorrer ás eleccións en coalición con todas as forzas da esquerda galega. "Non se descarta ningunha posibilidade", apostilou.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega e recollida por Europa Press, se ben sinalou que "non" adoita "usar palabras tan drásticas" como "fronte", o socialista xulgou "evidente" que "un goberno progresista pasa pola unión" coas demais formacións do espectro político de esquerdas.

Por iso, o que xa deixou claro de antemán é que esa unión debería "respectar a independencia" do seu partido. "A min gústame ser claro", resaltou, antes de admitir que "haberá que falar con todos" co obxectivo de recuperar a Xunta. De feito, recordou o Goberno bipartito como "unha das mellores etapas" para Galicia.

Á marxe desta cuestión, no que atinxe á cuestión interna do PSdeG, Manel Vázquez dixo "respectar" as datas aprobadas polo Comité Nacional, de forma que o 7 de setembro se celebren primarias e o 29 se ratifique o seu resultado nun congreso, pero non ocultou o seu desexo de que o proceso "fose antes e que xa estivese resolto".

Partidario das primarias "puras" e de abrir a elección dos candidatos á cidadanía "progresista", o rexedor local apelou a "non ter medo á participación" e a que o seu partido cambie os estatutos co fin de que todos os cargos socialistas se elixan a través dun proceso de elección directa.

"DISTANCIAMENTO DA MILITANCIA"

En canto á situación do seu partido, admitiu que "non se alcanzaron os resultados" esperados nos últimos comicios e atribuíuno ao "distanciamento entre a militancia e os órganos" do partido. A "culpa" diso é, ao seu entender, de "todos", aínda que "duns máis de que doutros en función da responsabilidade que exercía cada un.

De tódolos xeitos, preferiu minimizar este aspecto e utilizar "a historia" para "non repetir erros", ao tempo que defendeu "un proxecto de unidade" no que "non sobra ninguén" e no que todos os militantes sexan "copartícipes".

NON SABE SE BLANCO O APOIARÁ

Despois de aseverar que o exministro José Blanco, a quen lle une "unha amizade persoal", "non tivo ningunha influencia" na súa decisión de concorrer como candidato á Secretaría Xeral do PSdeG, sinalou que non sabe se lle dará o seu apoio. "Tampouco llo pedín", resolveu.

"Este é un movemento de abaixo a arriba, dun lado a outro, sen etiquetas, o que quero é que nos unamos na igualdade todos sen facer diferenzas entre militantes", explicou, e apelou á "liberdade" de todos os seus compañeiros de filas para "unirse ou non".

Neste sentido, respondeu que "non" ten decidido aínda quen lle acompañaría no seu executiva en caso de gañar as primarias. "Eu non funciono así", replicou, e evitou comprometerse a integrar os seus opoñentes tras sinalar que "non" é "de futuribles".

SITUACIÓN XUDICIAL DE BRANCO

Acerca da situación xudicial de Blanco, Manel Vázquez non dubidou en poñer "a man no lume" por exvicesecretario xeral de PSOE. "Sabe que ten o meu apoio, tanto el como a súa muller, teño unha total confianza neles", sostivo, e fixo extensiva a súa confianza o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, imputado na Operación Pokémon.

En todo caso, dixo "non entender a lentitude dos procesos" xudiciais, pola "indefensión" que senten os procesados "polo dano" que fai "o efecto multiplicador das filtracións". "Tanto á persoa política como a privada", puntualizou.

"É UNHA HIPÓTESE"

Preguntado en rolda de prensa o actual secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, a súa opinión sobre a fronte electoral, que formula o alcalde de A Illa, limitouse a dicir que se trata dunha "hipótese". "As hipóteses só hai que falar delas cando sexan realidades", resolveu.

En canto ao seu futuro, volveu sinalar que xa ten "decidido" que fará, pero declinou avanzar se concorrerá ás primarias socialistas.

Contenido patrocinado