O alcalde de Ourense admite que esperaba "máis apoio" do PSOE e presentará "en breve" os orzamentos para 2019

Actualizado: lunes, 17 septiembre 2018 15:36

   Reivindica a súa xestión, pero quéixase de que gobernar en minoría e co "bloqueo" da oposición "debilita" a capacidade de tomar medidas

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Sep. (EUROPA PRESS) -

   O alcalde de Ourense e candidato do PP ás eleccións municipais de 2019, Jesús Vázquez Abad, queixouse este luns das "dificultades" que supón un goberno en minoría e, tras admitir "rotundamente" que esperaba "máis apoio" do PSOE, avanzou que "en breve" presentará os orzamentos locais para o próximo exercicio.

   Nun almorzo informativo organizado por 'Fórum Europa. Tribuna Galicia', no que foi presentado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o rexedor, que no que vai de mandato non puido aprobar unhas contas, reprobou o "bloqueo sistemático" da oposición que "debilita" a capacidade para adoptar medidas.

   De feito, remarcou que aprobar os orzamentos supón para unha cidade "poder aprobar axudas a domicilio, bolsas de comedor ou axudas escolares" e, na quenda de preguntas, subliñou que "nas próximas semanas" serán presentadas as contas para 2019.

   "Volveremos tender as mans para negociar con todos os partidos da oposición", proclamou o rexedor, quen proclamou que, en todo caso, "a grandeza de gobernar está en desesperar".

   Así, remarcou que, co "bloqueo sistemático" nas cuestións municipais, a xestión salta "cara á cooperación institucional". Neste punto, agradeceu a cooperación da Xunta e a Deputación, "sempre dispostos" a impulsar medidas que "melloren" a calidade de vida dos cidadáns.

"OURENSANAMENTE"

   Ante unha nutrida representación da sociedade galega e ourensá --non faltou ao acto o presidente provincial, Manuel Baltar, ademais de conselleiros, deputados e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices--, Vázquez Abad expuxo en detalle o seu modelo de cidade ' Ourensanamente', dividido en oito eixos estratéxicos, desde o ámbito social, cultural, ecolóxico e participativo.

   Neste marco inseriu os principais proxectos promovidos no seu mandato, desde o Centro Interxeracional que este mesmo luns abriu as súas portas, pasando polo primeiro Parque Inclusivo de Galicia, ou a iniciativa 'Ourense, capital termal intelixente', que pretende impulsar a economía a través do turismo; ata o proxecto do Ecobarrio da Ponte, unha proposta de ámbito europeo e pioneira en España, baseada no aproveitamento enerxético da xeotermia.

   Esta proposta tamén incidirá na preocupación porque Ourense conte co 'Primeiro pacto social de goberno local', que garanta as medidas de protección social para os cidadáns "goberne quen goberne" e que, lamentou, "foi rexeitado polos grupos da oposición do actual mandato municipal".

   Tamén na modernización do comercio e á promoción da economía local, ou á creación dunha estratexia turística, entre outros aspectos.

APOSTA POLA SANIDADE

   No coloquio, preguntado pola comisión de investigación sobre os "recortes" en sanidade que se activará no Parlamento impulsada pola oposición, Jesús Vázquez defendeu que o que a Xunta fixo en Ourense é "fortalecela" e exemplificou coa ampliación do hospital.

   Sobre o centenario de Nós, o alcalde defendeu que "se está traballando por parte da Xunta". "Ourense ten un gran reto por diante, igual que Galicia co Xacobeo", reflexionou, antes de subliñar a súa convicción de que o PP é "o único partido que pode dar resposta ás necesidades da cidade".

   Un dos participantes no coloquio, a través dunha pregunta escrita, lembrou que Vázquez dixo que ser alcalde é "máis difícil do que se cre" e trasladoulle se xa falou con José Manuel Rey Varela ou Beatriz Mato, polo momento conselleiros, aínda que sairán da Xunta para pelexar polas cidades.

   "Teño moitas conversacións pendentes con conselleiros e co presidente. E sempre é para pedir", limitouse a contestar Vázquez, quen, sobre o plan de urbanismo, explicou que se está pendente dun informe por parte da Asesoría Xurídica do Consistorio, antes de decidir os pasos para dar.