O alcalde de Tui asegura estar "tranquilo dentro da responsabilidade" tras declarar sobre supostas obras irregulares

Actualizado: jueves, 27 noviembre 2014 19:58

VIGO, 27 Nov. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Tui (Pontevedra), Moisés Rodríguez, imputado por supostos delitos de prevaricación, tráfico de influencias e deslealdade profesional en relación a tramitacións urbanísticas, mostrouse satisfeito "por facer o que tiña que facer" tras declarar nos xulgados, onde asegurou responder a todas as preguntas para que o caso se resolva "o antes posible".

Rodríguez acudiu na mañá deste xoves ao Xulgado de Instrución número dous de Tui (Pontevedra), onde durante máis dunha hora respondeu a todas as preguntas da xuíz, da fiscal e de todos os avogados acerca de "tres ou catro" expedientes urbanísticos "de anos anteriores". "Mesmo de anos anteriores á miña toma de posesión", comunicou.

En declaracións a Europa Press, concretou que entre as obras sobre as que foi cuestionado se inclúen a licenza dunha nave do Polígono Industrial de Areas, e a demolición dunha casa situada no casco vello, expedientes sobre os que, dixo, explicou "todo o que sabía".

Así as cousas, aseverou estar "tranquilo dentro da preocupación e a responsabilidade" e manifestou que respondeu a todo o que se lle preguntou co obxectivo de que o caso "se resolva o antes posible", xa que é "bo para a cidade e para a imaxe de Tui".

O rexedor tudense estaba chamado a comparecer o pasado 24 de outubro, pero por un cambio nas previsións do xulgado, finalmente a cita quedou aprazada ata a mañá deste xoves, cando tamén acudiron a declarar dous avogados da casa do concello implicados no caso.

Esta investigación deu comezo a partir dunha denuncia presentada pola Fiscalía de Medio en relación con supostas actuacións irregulares en materia de urbanismo e, ademais do actual rexedor e dos dous avogados, na causa tamén están imputados o exalcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e unha técnico de administración xeral municipal, os que xa declararon o pasado mes.