O alcalde de Xinzo presenta a súa dimisión e a oposición aféalle que "chega tarde e mal"

Alcalde de Xinzo, Antonio Pérez
EUROPA PRESS - Archivo
Actualizado: jueves, 22 marzo 2018 12:35

O PSOE considera que "se viu obrigado a dimitir polas presións do seu partido"

OURENSE, 22 Mar. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Xinzo (Ourense), Antonio Pérez, presentou este xoves a súa dimisión como concelleiro e rexedor no rexistro do Concello após ser condenado por prevaricación. Por iso, a Alcaldía será asumida, de forma temporal, polo edil de obras Manuel López Casas (PP), á espera de que se convoque un pleno extraordinario para confirmalo no cargo.

A dimisión prodúcese cando se cumpren tres semanas da publicación da sentenza que condena a Antonio Pérez a oito anos e medio de inhabilitación para emprego ou cargo público por consideralo autor dun delito continuado de prevaricación na contratación de varios traballadores para o Concello entre 2011 e 2013.

Por parte do grupo de goberno explicouse que, após a renuncia, convocarase un pleno extraordinario para informar á oposición. Tamén de que se abre un novo prazo para cubrir a vacante de Antonio Pérez e que, para iso, "haberá que acudir á Xunta Electoral" e confirmar a dispoñibilidade dos membros da lista que o PP presentou nas municipais de 2015.

Cando esta persona tome o seu cargo como concelleiro convocarase un novo pleno extraordinario para elixir ao novo alcalde do municipio de Xinzo de Limia.

"OBRIGADO" POLO PP

Para a oposición a dimisión de Antonio Pérez "chega tarde e mal". Así coincidiron os seus portavoces Elvira Lama (PSOE) e Manuel Pérez Campos (Xinzo Adiante).

Por unha banda, Elvira Lama mostrouse convencida de que o rexedor "se viu obrigado a dimitir polas presións do seu partido", en referencia directa ao PP a pesar de que desde a convocatoria do xuízo Antonio Pérez abandonara as filas dos 'populares'.

Neste sentido, considerou que os populares "non poden permitirse o luxo de ter a un alcalde condenado por sentenza" e insistiu en que "tiña que haberse ido hai días para evitar un sufrimento persoal".

CÓDIGO ÉTICO

Tamén o portavoz de Xinzo Adiante sinalou que o rexedor "tiña que dimitir cando saíu a sentenza" e apuntou a responsabilidade do PP e do PSOE por "non obrigar aos seus cargos a cumprir cun código ético mínimo que lles obrigue a dimitir en canto hai indicios de prevaricación".

Pérez Campos insistiu en que o abandono das filas populares por parte do rexedor cando se fixou data para o xuízo "foi unha pantomima, porque o seu partido lle seguiu apoiando até o final".

Por este motivo mostrouse "pouco optimista" respecto de que se abra unha nova etapa. "A actual corporación non vai cambiar a súa forma de traballar: o Concello seguirá paralizado até as municipais de 2019", apostilou.

SENTENCIA

O pasado 1 de marzo o Xulgado do Penal número 1 de Ourense fixo pública a sentenza que inhabilita a Antonio Pérez para exercer calquera emprego ou cargo público como autor dun delito continuado de prevaricación.

A sentenza considera que o rexedor realizou varios contratos "a propósito de que faltaba á publicidade" do concurso para que calquera persona puidese acceder ao posto "de acordo aos principios de mérito e capacidade básicos en calquera contratación pública" e a pesar de ser informado de forma reiterada pola Secretaría e Intervención.