Alvariño avoga por un "aumento moderado" de salarios nalgúns sectores e por "ampliar un pouco máis" a reforma laboral

El presidente de la CEG, José Manuel Fernández Alvariño
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 30 septiembre 2014 11:48

"O localismo mata calquera proxecto de negocio", afirma ao reclamar coordinación aeroportuaria

A CORUÑA, 30 Sep. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño, avogou por un "aumento moderado" de salarios nalgúns sectores e por "ampliar un pouco máis" a reforma laboral.

Nunha conferencia no 'Fórum Europa. Tribuna Galicia', augurou tamén un "crecemento espectacular" da economía galega para 2015. Mentres, apostou por "vender" un proxecto de Galicia "conxunto".

"O localismo mata calquera proxecto de negocio", sinalou nunha intervención na que recalcou que se está a "perder o tempo na falta de coordinación aeroportuaria". "Non poden ser os localismos desacerbados dalgúns concellos, non o deste", dixo sobre o da Coruña.

Respecto á situación económica, Alvariño mostrouse convencido de que a recuperación económica proseguirá o seu "ritmo" e, en concreto, asegurou que este cambio se evidencia no rostro do ministro de Hacienda, Cristóbal Montoro.

"Hai uns meses tiña unha cara ríxida, a cara de hoxe é máis relaxada porque empeza a haber maior diñeiro na caixa", sentenciou o presidente da CEG. Ao fío diso, e a pesar de reclamar máis diñeiro para as pemes, considerou que hai "máis disposición de crédito" por parte das entidades bancarias.

ECONOMIA GALEGA E REFORMAS

Sobre a situación da economía galega, augurou un "crecemento espectacular" en 2015, aínda que insistiu na necesidade de seguir avanzando nas reformas.

"Sen reformas non hai futuro", indicou Fernández Alvariño quen defendeu unha redución "drástica" da débeda das administracións, eliminar duplicidades entre estas, avanzar na fusión de concellos ou rebaixar "custos improdutivos", ademais de avanzar na "internacionalización" das empresas.

REFORMA LABORAL

Na súa conferencia, afirmou tamén que se foi "un pouco timorato" coa reforma laboral, da que dixo que se debe de ampliar un pouco máis" con "maior flexibilidade e mobilidade". Na mesma liña, apostou por avanzar na reforma fiscal "cunha baixada de impostos para que vaia ás familias".

Mentres, considerou posible "incrementar" os salarios nalgúns sectores, aínda que non concretou cáles. "Sábeno os propios sectores", respondeu ao ser preguntado se podería concretar cáles.

"Estamos nunha contención e á vez nun posible aumento", sinalou ao considerar que, nalgúns, é posible un aumento moderado, "entre un 0,5 e un 1,5 como moito", dixo.

En materia de infraesfructuras, defendeu a chegada do AVE a Galicia. No 2018 ou 2019, dáme igual", afirmou, e esixiu unha "coordinación aeroportuaria". "Fundamental para nós", dixo sobre os empresarios.

FUTURO DA CEG

Mentres, a preguntas dos asistentes sobre Abanca, se mostrou satisfeito coa presenza de entidades financeiras que "apostaron por Galicia". Ademais, cualificou de "preocupante" os casos de corrupción, aínda que na mesma liña pediu unha "Xustiza máis rápida" para evitar "indefensión".

Finalmente, sobre a situación na CEG, reivindicou a "unión empresarial" e subliñou que o seu obxectivo é acometer unha reforma dos estatutos para "a limitación do mandato e que ninguén ocupe dous espazos", sinalou sobre a posibilidade de ostentar dúas presidencias ao mesmo tempo.