(AM) CC.OO. formula levar a Lomce "ao terreo xurídico" por "anticonstitucional" e por "vulnerar" normativa comunitaria

Cre que "non fai falta a sétima Lei de Educación" e pide consensuar a reforma cos partidos e co sector

Ccoo
EUROPA PRESS/REMITIDO
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 22 mayo 2013 19:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 May. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral da federación estatal de Educación de Comisións Obreiras, Francisco García, avanzou este mércores a posibilidade de "levar ao terreo xurídico" o proxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce), por entender que "podería ser anticonstitucional" e porque "vulnera" lexislación comunitaria.

En rolda de prensa xunto coa secretaria xeral de CC.OO. Ensino, Luz López, García sinalou que, de negarse o ministro de Educación, José Ignacio Wert, ao "diálogo", o seu sindicato acudirá á Unión Europea para que "interveña" ante o Goberno central.

Xunto con iso, sinalou que CC.OO. conta con "dous informes" sobre a posibilidade de que algúns aspectos da norma sexan "anticonstitucionais", polo que tampouco descartou recorrer a través do Defensor do Pobo ou de 50 deputados ou senadores.

Ademais, deixou claro que o curso escolar "rematará e comezará" con mobilizacións contra "unha lei regresiva" e avanzou que mañá, xoves, se reunirá a plataforma en defensa do ensino público a nivel estatal para definir o calendario de protestas.

Deste modo, ás mobilizacións nas rúas, Francisco García engadiu que tamén haberá "pelexa no ámbito xurídico". "Faremos o posible para que non se implante", sentenciou o sindicalista.

CRÍTICAS Á NORMA

Na presentación en Galicia do Libro Verde da Educación 'Máis e mellor educación para tod@s'. Propostas de CC OO', García subliñou que a Lomce "non só non resolve os problemas da educación en España, senón que mesmo os empeora".

Entre os "problemas", sinalou o "retroceso" na escolarización "postobrigatoria" --Bacharelato e FP-- dos mozos entre 16 e 19 anos; o feito de que o abandono educativo temperán roza "o 30 por cento" e de que "o 44,4 por cento" dos alumnos repetiron, ao chegar aos 15 anos, polo menos unha vez; e a "escasa" inversión en educación en relación co PIB.

Así mesmo, recordou os 62.000 profesionais da educación que, segundo os seus datos, se perderon no sector educativo e prognosticou que a lei deseñada polo ministro Wert levará consigo "novos e durísimos recortes". "Xa non sabemos que van tocar", resaltou, entre advertencias de que todo iso "rebaixará a calidade e a equidade" do sistema e "empeorará" os resultados académicos.

A estes datos engadiu críticas a unha lei "segregadora", con "pouca ambición" en materia de inversión educativa, "mercantilista, que retrotrae a 1990 co cómputo da nota de Relixión e a 1970 coas reválidas, que quitaron entón por inútiles e obsoletas".

"Non fai falta a sétima Lei de Educación dende a Transición", concluíu o líder do sector do Ensino en CC.OO., que reclamou que a modificación se faga dende o "diálogo" cos partidos políticos e co propio sector implicado. Así, pediu a Wert que "faga da educación unha política de estado antes que unha política de partido".

"CONSOLIDA OS RECORTES"

Pola súa banda, Luz López interpretou que a Lomce "vén a consolidar os recortes que Galicia vén sufrindo" dende a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta, xa que esta comunidade conta actualmente con "case 1.200 profesores menos".

Neste punto, criticou que "a vontade de chegar a acordos" do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, "é cero" posto que "está subido nun pedestal de orgullo".

Ademais, censurou a súa proximidade "ás posicións máis reaccionarias do PP". "Seguramente pasaralle factura e, dende logo, a Federación de Ensino de Comisións Obreiras estaremos aí para cobrarlla/llela", sentenciou.

Contenido patrocinado