AM.- Paro.- O número de parados crece un 3,94% en xaneiro en Galicia e alcanza os 231.628 desempregados

A comunidade suma 8.789 persoas sen emprego e rexistra o sexto maior incremento do Estado con respecto ao mes anterior

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 2 febrero 2010 12:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Feb. (EUROPA PRESS) -

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) en Galicia incrementouse en 8.789 persoas entre decembro do ano pasado e xaneiro, o que representa un aumento do 3,94% e que a comunidade galega alcanzase a cifra de 231.628 desempregados, segundo os datos difundidos hoxe polo Ministerio de Trabajo e Inmigración.

En toda España, o número de parados subiu en 124.890 persoas en xaneiro, un 3,1% respecto a decembro, co que o volume total de desempregados traspasou a barreira histórica dos catro millóns.

En Galicia, o número de desempregados é un 15,06% maior que en xaneiro de 2009, ao sumarse no último ano 30.312 persoas ás listas de desempregados. Da cifra total, o 53,54% son mulleres (124.015) e o resto homes (107.613).

Se se ten en conta a variación intermensual, Galicia situouse, xunto con Cataluña, como a sexta comunidade cun maior incremento do número de parados, pois creceu máis unicamente en Aragón, Asturias, Castela e León, Navarra e o País Vasco. Non obstante, as cifras interanuais mostran que a galega foi a terceira comunidade cun incremento porcentual máis contido, xa que só Asturias e Extremadura reflexan variacións menores (do 15,01% e do 12,56%, respectivamente).

O incremento do número de parados rexistrado en xaneiro foi máis contido que o do mesmo mes do ano pasado, cando se sumaron 11.413 persoas (un 6% máis respecto a decembro de 2008) e se alcanzou a cifra de 201.316 persoas inscritas nas oficinas públicas de emprego.

O primeiro mes do ano levou ás listas do paro a 22.937 persoas menores de 25 anos, que representan o 9,9% do total que se atopa nesta situación. Deles, 13.070 son homes (o 56,98%) e 9.867 son mulleres.

OS SERVIZOS CONCENTRAN O AUMENTO

Por sectores, o de servizos foi o que concentrou a maior parte do incremento de parados, pois rexistrou un crecemento do 5,3%, é dicir, 6.446 máis que en decembro de 2009 (o que representa o 73,34% do total dos 8.789 novos desempregados); lonxe da suba experimentada na construción, do 3,8% (1.381 persoas máis).

Na industria déronse de alta nas oficinas de emprego 622 persoas (un 1,77% máis respecto ao mes anterior) e na agricultura foron 161 (un 2,54% máis). En canto ao colectivo sen emprego anterior, sumou 179 parados en xaneiro (un 0,76% máis). Neste último colectivo, que alcanzou a cifra de 23.741 desempregados no primeiro mes do ano, case o 40% está integrado por persoas con máis de 44 anos de idade.

Por provincias, o maior incremento porcentual rexistrouno Ourense, que cun 6,04% máis, sumou 1.501 parados en xaneiro. En Lugo, o incremento foi do 5,9% (1.248 persoas máis); mentres que en Pontevedra creceu un 3,89% (3.390 parados) e na Coruña un 2,96% (2.650 desempregados).

Na comparación co mesmo mes do ano anterior, esta última provincia sumou 12.834 desempregados (un 16,16%). En Pontevedra, inscribíronse nas oficinas de emprego 12.067 persoas máis no último ano (un 15,37% máis); en Lugo foron 3.058 (un 15,8%) e en Ourense, 2.353 (un 9,8%).

CRECEN UN 3,72% OS CONTRATOS

Os datos do ministerio sinalan, ademais, que en xaneiro había 12.439 desempregados estranxeiros en Galicia, o que representa un 4,82% máis que no mes anterior (572 persoas) e un 31,34% máis que hai un ano (2.968 parados máis).

En canto aos contratos, formalizáronse 49.015 durante o mes de xaneiro, de modo que foron 1.759 máis que no mes anterior (3,72%). Na comparación co ano pasado, rexistráronse 5.580 contratos menos (unha caída do 10,22%). Do total, case o 90% foron vinculacións temporais (43.704) e unicamente 5.311 foron contratacións indefinidas.

Ademais, rexistráronse, en decembro de 2009, un total de 25.552 altas de prestacións contributivas; 14.364 de subsidios e 658 de rendas activas de inserción. O prazo de recoñecemento na comunidade galega era dun día e o gasto total ascendeu nese mes a 151.828 euros.

DATOS ESTATAIS

En España, o número total de parados alcanzou ao peche de xaneiro a cifra de 4.048.493 desempregados, o seu nivel máis alto en toda a serie histórica comparable, que arranca en 1996. A suba do desemprego en xaneiro foi inferior á experimentada en xaneiro de 2008, mes no que as listas das oficinas públicas de emprego sumaron 198.838 parados máis. Malia iso, con xaneiro de 2009 xa son seis os meses consecutivos nos que se incrementa o desemprego.

Nos últimos doce meses, o paro aumentou en 720.692 desempregados, un 21,6% máis, dos que 386.972 son varóns e 333.720 mulleres, con incrementos relativos do 23,1% e do 20,2%, respectivamente.

A secretaria xeral de Emprego, Maravillas Rojo, destacou nun comunicado que, xaneiro sempre é un "mal mes" para o emprego, ata o punto de que o paro sobe neste mes "mesmo en períodos de crecemento económico".

Rojo cualificou este novo repunte do paro de "moi negativo", pero resaltou que, malia iso, mantense a tendencia á desaceleración no crecemento do desemprego iniciada hai case un ano. Non obstante, a responsable de Emprego recoñeceu que "aínda non se alcanzou o punto de inflexión".

SOBE MÁIS NAS MULLERES

O paro subiu en xaneiro en ambos os dous sexos, aínda que máis entre as mulleres, con 77.219 novas paradas respecto a decembro (4%), fronte a un incremento do desemprego masculino de 47.671 homes (2,3%). Así, ao finalizar xaneiro, o número de mulleres en paro sumaba 1.988.286, mentres que o de varóns desempregados era de 2.060.207.

Tamén se rexistraron alzas do paro en todos os sectores económicos, cos servizos á cabeza, sector onde o desemprego subiu en 102.130 persoas (4,5%), case o 82% do total. Seguíronlle a industria, con 8.873 parados máis (1,7%); a construción, que gañou 7.036 desempregados (0,9%); o colectivo sen emprego anterior, con 6.285 parados máis (2,2%), e a agricultura, que rexistrou 566 novos parados (0,5%).

Por idades, o desemprego dos mozos menores de 25 anos subiu en xaneiro en 9.617 persoas, o 2,1%, fronte a un incremento do paro entre os maiores de 25 anos de 115.273 persoas (+3,3%). Segundo os datos de Trabajo, a cifra de parados perceptores da axuda temporal de 421 euros mensuais ascende actualmente a 318.197 desempregados.

SÓ BALEARES REXISTROU MENOS DESEMPREGO

A suba do paro nótase tamén entre a poboación estranxeira, que en xaneiro experimentou un incremento do 3,1% na súa cifra de parados, con 17.936 desempregados máis. En total, os inmigrantes en paro sumaban ao finalizar o mes pasado 584.453 desempregados, cun repunte de 134.948 parados (30%) respecto a un ano atrás.

En xaneiro, o paro aumentou en todas as comunidades autónomas, salvo en Baleares, que rexistrou 510 desempregados menos. Os maiores incrementos rexistráronos en Cataluña e Andalucía, con 22.122 e 16.592 parados máis, respectivamente.

En canto á contratación, en xaneiro rexistráronse no Inem un total de 1.050.233 contratos, un 6,7% menos que en igual mes de 2009. A contratación fixa supuxo o 9% do total, con 94.595 contratos, un 20,6% menos que en igual mes do ano pasado.

Do resto de contratos, 9.826 foron formativos e 945.812 outro tipo de contratos temporais. Deles, o 30,47% foron de obra ou servizo e o 29,66% eran eventuais por circunstancias da produción.

Contenido patrocinado