O PSdeG censura o "talante despótico" de Rocío Mosquera

Carmen Acuña
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: jueves, 5 marzo 2015 13:42

Advirte a Feijóo de que "non se pode cruzar a brazos" e apela á súa "ética" para forzar a destitución da conselleira "censuradora"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Mar. (EUROPA PRESS) -

A deputada do PSdeG Carmen Acuña condenou este xoves publicamente o "secuestro" do informe da comisión de bioética sobre as desigualdades no acceso ao sistema sanitario e censurou que o "talante despótico, caciquil e censurador" da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, lle levara a "aplicar a censura política a unha valoración ética".

En rolda de prensa dúas días despois de coñecerse a renuncia de nove membros deste órgano consultivo por esa "censura", a parlamentaria socialista xulgou que o "último escándalo do tándem Feijóo-Mosquera" xustifica unha nova petición de dimisión da conselleira. Pero, dende o convencemento de que a titular de Sanidade non renunciará ao cargo porque "despreza a ética", reclamou o presidente da Xunta que a destitúa.

"Feijóo non pode cruzar a brazos", abundou, non sen ironizar con que o mandatario debe "ter moito coidado" e actuar rápido, ou Mosquera "non permitirá que a cese". Deste modo, aludiu ás palabras da conselleira sobre que o presidente "non ten nin por que ter opinión" sobre un asunto "interno" de Sanidade como estas dimisións.

Dito isto, a socialista valdeorrana fixo fincapé en que este "novo escándalo" se suma a "unha controvertida xestión sanitaria" que inclúe "colapsos, xefaturas de servizos para maridos e amigos do PP, copagamentos e privatizacións". "Galicia non merece unha conselleira censuradora", xulgou, e demandou "explicacións" do acontecido no comité de bioética e que Feijóo tome "cartas nun asunto tan grave" como a "censura" dun documento de traballo.

INICIATIVAS PARLAMENTARIAS

Neste escenario, Acuña anunciou a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias, dende peticións de comparecencia para aclarar o sucedido a interpretacións ao Goberno galego. Ademais, reclamará "o documento secuestrado" para o coñecemento da Cámara.

Así mesmo, os socialistas preguntarán no Pazo do Hórreo "por que", "que pon" ese informe para que a Consellería de Sanidade "o confiscase". Adicionalmente, advertirán da perda de "fiabilidade" do comité de bioética cando xa só estea integrado por "afíns" á conselleira, tras a dimisión de nove dos seus 17 membros.