(AMP) Pleno. - A lei que promove a eliminación de barreiras nace con consenso pero sen o apoio total da oposición

Ley De Accesibilidad
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: martes, 25 noviembre 2014 14:34

O PPdeG defende que se garante a "accesibilidade universal" e se endurecen as sancións

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Nov. (EUROPA PRESS) -

A lei de accesibilidade de Galicia nace cun alto grao de consenso tras incorporar máis dun centenar de emendas da oposición, pero os grupos da oposición quedaron na abstención, posto que consideran que a normativa, que entre outras cuestións promove a eliminación de barreiras arquitectónicas, tería que ter un carácter máis "universal".

En todo caso, o diálogo entre os grupos mantívose ata o último momento, de maneira que a deputada do PPdeG Marta Rodríguez Arias fixo unha proposta de transacción de emendas no debate deste martes, isto é, incorporáronse outros tres textos pactados polos grupos.

Concretamente, a proposta inclúe ampliar a clasificación do que se estima como instalacións de uso público. "Consideraranse edificios, establecementos ou instalacións de uso que implique concorrencia de público para a realización de actividades de interese social, recreativo, deportivo, cultural, educativo, comercial, administrativo, asistencial, residencial, relixioso, sanitario ou análogas", recolle a emenda.

Así mesmo, a proposta é mellorar os itinerarios accesibles, tanto no que se refire no seu deseño como nas indicacións para conectar os exteriores das parcelas e as entradas aos edificios en residencias privadas, incluídos os garaxes.

"Os accesos a todo edificio deberán garantir a accesibilidade ao seu interior mediante itinearios accesibles doadamente localizables que o comuniquen coa vía pública e con prazas accesibles de aparcamento", incluirá agora o texto.

Ademais, cando existan varios edificios integrados nun mesmo complexo, "estarán comunicados entre si e coas zonas comúns mediante itinerarios accesibles".

Finalmente, en canto á accesibilidade no exterior do edificio, os grupos pactaron que "a parcela disporá, polo menos, dun itinerario accesible que comunique a entrada principal ao edifico e, en conxuntos de vivendas unifamiliares, unha entrada á zona privativa de cada vivenda coa vía pública e coas zonas comúns exteriores, tales como aparcamentos, xardíns, piscinas ou zonas deportivas".

NO DEBATE

Durante o debate, todos os grupos coincidiron no esforzo realizado no trámite de relatorio e, no caso da oposición, fíxose fincapé en que a normativa chegaba á Cámara con carencias que, en boa parte, foron emendadas.

Rodríguez Arias defendeu que a normativa aprobada inclúe medidas para garantir unha "accesibilidade universal" e establece un novo réxime sancionador para "protexer os dereitos das persoas con minusvalidez para frear comportamentos discriminatorios e favorecer a igualdade de oportunidades".

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Carmen Gallego destacou o "número importante" de emendas aprobadas, pero lamentou que ao quedar pendentes varias no "tinteiro", a normativa nace "lastrada" e "non é unha lei universal" como se pretendía.

Xabier Ron, por parte de AGE, abundou neste sentido e reclamou que "o diálogo non cese". "E que o PP siga abrindo a súa mirada e ampliando o seu horizonte; e que faga desta lei unha lei universal e polo tanto, de inclusión social", remarcou.

A parlamentaria do BNG Carme Adán, que recordou o premio dado pola ONU a Pontevedra polo modelo de cidade (gobernada dende hai 14 anos polo nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores), lamentou que a posta en marcha desta normativa, en referencia á redacción do plan de accesibilidade de Galicia, sexa de dous anos.

"Gustaríanos que fose máis rápida, e cunha dotación presupostaria para levala adiante", manifestou Adán, mentres que a parlamentaria do Grupo Mixto Chelo Martínez advertiu de que "ningún dereito pode ser castrado polo diñeiro".

A LEI

A lei de accesibilidade modifica a actualmente vixente, de 1997, e ten os obxectivos de alcanzar unha sociedade "inclusiva e accesible" que garanta a autonomía das persoas, evite a discriminación e favoreza a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía, especialmente, as persoas que teñen minusvalideces, nun marco demográfico tendente ao incremento da esperanza de vida.

Esta normativa pretende "facer realidade" o concepto de accesibilidade e deseño para todos nos procesos, proxectos, produtos e servizos, de forma que se facilite o uso universal, con plena seguridade, do medio físico e que eviten gastos posteriores de eliminación de barreiras.

Neste sentido, os grupos da oposición remarcaron a necesidade de contar coa colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), así como de dotar os municipios de partidas presupostarias para desenvolver as políticas.