Raúl Fernández, reelixido secretario provincial do PSdeG de Ourense co 73,3% dos votos

Acepta "cheo de responsabilidade" ao tempo que lamenta ter que elixir "a solo uns poucos" para formar a nova Executiva

Raúl Fernández, Reelegido Secretario Provincial Del Psdeg En Ourense. Al Fondo S
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 26 mayo 2012 20:28

OURENSE, 26 May. (EUROPA PRESS) -

Raúl Fernández foi reelixido este sábado como secretario provincial do PSdeG de Ourense, ao recibir o respaldo do 73,3% dos votos dos delegados.

No II Congreso Provincial do PSdeG ourensano, Fernández obtivo 66 votos, mentres que a candidatura de Pablo López Vidal recibiu 23 papeletas, tantas como avais reuniu para presentar a súa candidatura alternativa a Raúl Fernández.

A votación en urna para elixir o novo secretario provincial socialista contou coa participación de 90 dos 95 delegados provinciais, dos que 15 representaron á cidade de Ourense. No reconto de votos apareceu tamén un voto en branco.

O congreso celebrouse no campus universitario de Ourense e contou coa presenza de decenas de persoas invitadas que asistiron ás intervencións, entre outras, dos dous candidatos á secretaría provincia. Entre as personalidades presentes no conclave atopábase a secretaria executiva de Sanidade do PSOE, Trinidad Jiménez.

Os discursos dos dous candidatos á secretaría provincial previos á votación tiveron contidos diferentes. Así, o do aspirante Pablo López Vidal aludiu á necesidade de recuperar o respecto social para o seu partido "traballando nun modelo diferente", pois o PSdeG da provincia de Ourense non ten agrupación municipal en 24 concellos e noutros 14 non ten nin un concelleiro, ademais de rexistrar un descenso no número de militantes, segundo apuntou.

Fronte a isto, o secretario provincial saínte e reelixido minutos máis tarde, Raúl Fernández, presentou a súa candidatura cunha defensa dos concelleiros socialistas da provincia que exercen oposición en casas do concello gobernadas polo PP, e agradeceu a "achega de todos en momentos difíciles". "Pois sen todos hoxe seriamos menos partido e ninguén é imprescindible, pero todos somos necesarios", argumentou.

Fernández propuxo varios proxectos para apoiar e mellorar as condicións de traballo político dos militantes, cargos orgánicos e cargos públicos e mellorar así o activismo político en todo o territorio coa creación dun grupo de traballo de voceiros municipais e unha conferencia de alcaldes.

Varias das súas propostas foron seguidas de aplausos dos asistentes, como a de modificar a Executiva Provincial para "que responda ás necesidades do partido e sexa útil á sociedade", polo que avogou por fomentar a participación interna e abrir foros externos de debate.

Segundo Fernández, o PSdeG é un partido con vocación de goberno e debe "vivir segundo o seu idearios". Isto, "para que as nosas ideas esperten sonos na sociedade" co obxectivo de gobernar Galicia, dixo.

ALUSIÓNS AO PP

Ambos os dous candidatos, no seu discurso de presentación, aludiron ao PP provincial e, no caso de Pablo López, para explicar o seu obxectivo de recuperar a confianza perdida dos cidadáns, chamou a combater activamente a políticas "regresivas e profundamente antisociais" do PP. "Pois sabemos que o adversario político está aí fóra e se chama Partido Popular", incidiu.

Pola súa banda, Raúl Fernández recordou que a perda do Goberno galego nas eleccións autonómicas de 2009 deixou en Ourense unha dobre sensación de perda e resignación por ser terra "de Baltares-caciques e de caciques-Baltares".

Tras a votación foi proclamado novo secretario xeral de PSdeG en Ourense o reelixido Raúl Fernández, que foi moi breve na súa intervención, pois era a última da mañá e moi próxima ás 15.00 horas.

"AGORA IMOS COS RECORTES"

En ton irónico dixo facer súas as palabras do presidente do PP Mariano Rajoy ao referir "agora imos cos recortes", e reduciu o seu discurso previsto de dous folios e medio a solo un folio.

Fernández aceptou "con orgullo e cheo de responsabilidade" a reelección e lamentou ter que elixir "a solo uns poucos" para formar a nova Executiva Provincial. "En todos e cada un de vós está a forza deste proxecto que será realista, crible e dará resposta aos principais problemas da cidadanía", arengou.

Antes da proclamación de candidaturas á Secretaría Xeral e da intervención dos candidatos, os delegados do Congreso aprobaron por maioría a xestión dos órganos provinciais, con 68 votos a favor, 13 en contra e 6 abstencións.

Artículos Relacionados

Contenido patrocinado