AMPL.- Detido na Veiga (Ourense) un membro das brigadas contra incendios por prender catro focos de lume

Medio Rural comparecerá na causa xudicial e reclamará que o imputado corra cos gastos do operativo de extinción

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 25 julio 2008 19:13

OURENSE, 25 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Garda Civil detivo na Veiga (Ourense) un membro das brigadas contra incendios de Seaga --entidade contratada pola Consellería de Medio Rural para o servizo de prevención e extinción-- por prender ata catro focos de lume esta madrugada en diversas parroquias deste municipio ourensano.

Segundo informaron a Europa Press fontes da Subdelegación do Goberno en Ourense, o arrestado é José Luis A.P., de 39 anos de idade e veciño de Larouco, aínda que é natural do Concello da Veiga.

Segundo os datos da Consellería de Medio Rural, o detido traballa como persoal de reforzo do verán no dispositivo de prevención e extinción de incendios, no que ocupa un posto de vixiante móbil na zona do Barco de Valdeorras, aínda que no momento da súa detención estaba de libranza.

Segundo as primeiras investigacións, o suposto incendiario contaba con experiencia na extinción de incendios, xa que, durante varias campañas, formou parte da brigada municipal do concello da Veiga.

Ao presunto incendiario, que xa prestou declaración nas dependencias da Garda Civil da Rúa e foi trasladado aos xulgados do Barco de Valdeorras, impútaselle prender catro focos de lume entre as 12.00 e as 4.30 horas desta madrugada en montes das parroquias de Corzos, Prado, Espiño e Baños, no municipio da Veiga. O incendio xa está controlado e afecta a zonas arboladas e de monte baixo.

CAUSA XUDICIAL.

Pola súa banda, a Consellería de Medio Rural prevé comparecer na causa xudicial contra o brigadista se finalmente o xuíz decide imputalo co obxectivo de que teña que correr cos "cuantiosos gastos" que supoñen as tarefas de extinción.

O departamento xestionado por Alfredo Suárez Canal destacou nun comunicado que o presunto incendiario "pretendía facer dano ao país" ao provocar lumes de forma intencionada "en lugares de difícil acceso e durante a noite, co fin de ocasionar graves consecuencias tanto para o medio coma para as propiedades e as persoas".

Por iso, o departamento autonómico subliñou que a detención supón "un exemplo de eficacia" na identificación de individuos que poden causar "un grave desprestixio" ao colectivo de profesionais que traballan na defensa contra o lume en Galicia e que mesmo arriscan a súa vida durante os traballos de extinción.

Contenido patrocinado