AMPL.- Falece un home de 59 anos en Ourense tras declararse un incendio na vivenda na que estaba cun sobriño

A investigación apunta a que o lume se orixinou preto dun televisor

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 18 noviembre 2008 11:29

OURENSE, 18 Nov. (EUROPA PRESS) -

A Policía Científica investiga as causas que provocaron un incendio nunha vivenda da parroquia ourensana de Untes, onde faleceu un home de 59 anos que se atopaba cun sobriño, quen saíu ileso.

Así, as primeiras investigacións sinalan que o foco inicial do lume se situaría a uns metros da entrada da vivenda onde se atopa un televisor, xa que é a zona máis afectada polo lume.

Segundo informou hoxe a Policía Local de Ourense, o incendio orixinouse ás 01.19 horas á altura do número 2 do barrio de Untes, dentro do termo municipal de Ourense.

Como consecuencia do incidente faleceu D.R.G., de 59 anos de idade e veciño de Ourense, tras declararse o incendio na súa vivenda unifamiliar de dúas plantas, que quedou totalmente en lapas.

O sobriño da vítima, de 35 anos, saíu ileso e foi quen deu a voz de alarma aos veciños para que avisasen a Policía Local porque o seu tío se atopaba no interior da vivenda en lapas.

CORPO CALCINADO

Ata o lugar dos feitos trasladáronse efectivos da Policía Local, Bombeiros, Garda Civil e do 061, que nada puideron facer por salvar a vida do home de 59 anos.

Segundo indicou a Policía Local, unha vez extinguido o incendio, no fondo da vivenda atoparon sobre un somier metálico o corpo calcinado da vítima, polo que se certificou a súa defunción. O cadáver foi trasladado ao Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU), onde se lle practicará a autopsia.

Contenido patrocinado