(Ampl) María Isabel Blanco reitera en comisión que traballou "ás ordes" do PSOE e Soneira que é "unha trama" do PP

A suposta axente electoral acusa aos socialistas de "querer tapar o ceo coas mans" e a deputada acúsaa de "vileza moral"

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 21 mayo 2008 17:38

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 May. (EUROPA PRESS) -

A emigrante retornada María Isabel Blanco reiterou hoxe que actuou como axente electoral do PSdeG durante a precampaña das pasadas municipais na comisión de investigación aberta no Parlamento por este asunto, e insistiu en que durante ese período traballou "ás ordes" do actual alcalde de Muxía, Félix Porto, "para facer a campaña en Bos Aires". Mentres, a deputada socialista Marisol Soneira insistiu en que todo é "unha trama" urdida polo Partido Popular.

"Eu non fun porque quixen. Félix Porto díxome que estaba contratada para facer campaña e que estaba baixo as súas ordes", asegurou María Isabel Blanco durante o relato dos feitos que fixo de forma cronolóxica, no que cualificou a súa estanza na capital arxentina naquela época como "53 días sinistros".

Para realizar este "arduo traballo" en Bos Aires para o que, segundo ela, Porto entregoulle un total de 2.500 euros "para gastos", admitiu que pediu "porta a porta" o voto para o candidato socialista, que facilitou solicitudes de voto aos emigrantes e que "mesmo" os encheu e recolleunos nalgunhas ocasións. No entanto, matizou a preguntas do BNG que "nunca" abriu sobre pechados porque "non é o seu estilo de traballo" e que tampouco fotocopiou pasaportes de emigrantes.

A xeito de proba, retou aos deputados a chamar "ao chou" a calquera dos residentes ausentes de Muxía para probar a súa actuación como axente electoral e ofreceu a factura telefónica daquela época para demostrar que non se foi "de vacacións".

RELACIÓN CON SONEIRA.

Na mesma liña, asegurou que "é falso" que ela solicitase o billete de avión a Bos Aires que, segundo o seu testemuño, lle facilitou a deputada Marisol Soneira, a quen dixo estarlle "moi agradecida" porque, recordou, axudouno en moitas ocasións.

Porén, a suposta axente electoral dixo descoñecer se foi a deputada socialista quen tramitou o billete ante a Secretaría Xeral de Emigración, que financiou o voo en virtude dun convenio entre a Xunta e Iberia.

Malia que 'Viticultores do Castro --entidade ourensana vinculada a Unións Agrarias (UU.AA)-- foi a que contratou a Blanco como administrativa, ela declarou que "xamais" estivo en Ourense e que o sindicato non lle pediu ningunha titulación para empezar a traballar. tampouco a conselleiro de traballo.

MOTIVACIÓNS.

Sobre as motivacións para destapar este caso, admitiu seguir sendo "de ideas socialistas pero dixo sentirse defraudado "por muchísima xente do PSOE". Así, explicou que cando o PP lle mostrou "documentación exacta e fidedigna" sobre este asunto ela se negou a falar nun principio pero aceptou despois animada "a dicir a verdade" polo seu marido e o seu fillo, aínda que recoñeceu que "o"pensaría" de prever "o alboroto mediático".

Nesta liña, denunciou o "acoso" ao que está sometida a súa irmá residente en Arxentina, "ameazas" ao seu fillo e que a ela mesma lle dixeron que vai "rematar nun sumidoiro". En todo caso, a suposta axente electoral negou que o fixese por diñeiro.

"Non gaño un centavo", sentenciou, e, tras desvelar que toma ansiolíticos por este asunto, asumiu que este tema lle trouxo "nada máis que dores de cabeza". Tras reiterar as súas acusacións durante máis dunha hora de intervención, dirixiuse aos responsables socialistas. "Noto que queren tapar o ceo coas mans", concluíu.

SONEIRA: "VILEZA MORAL".

En contra, durante a comparecencia posterior da deputada socialista, Soneira rexeitou "as razóns de conciencia" aducidas pola suposta axente electoral e insistiu en que todo é "unha trama" urdida polo Partido Popular. "Ninguén está un ano recollendo probas para despois probar un teoría", subliñou, e acusou ao PP de "comprar a vileza moral" de Blanco como "arma política".

Para cuestionar o seu "catadura moral", Soneira recordou que a suposta axente electoral a invitou a tomar un café unhas semanas antes de que este caso saíse á luz pública e lle dixo que "sempre" lle estaría agradecida polo que fixera por ela pero engadiu que Félix Porto "íase acordar dela".

Previamente, a parlamentaria socialista admitiu que ela mesma solicitou o billete ao propio secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, despois que Blanco lle transmitise a súa situación de precariedade económica. "Iso é o que fago. Non fago nada máis", afirmou, e recordou que Blanco negou nos tribunais que Soneira contactase con ela para facer de axente electoral, o que, na súa opinión, proba que o seu papel foi unicamente o de "mediar".

MEDIACIÓN "EN MOITÍSIMOS CASOS MÁIS".

Fronte a iso, negou "rotundamente" que a suposta axente electoral do PSdeG realizase chamadas dende as dependencias socialistas na Cámara galega durante a precampaña das pasadas autonómicas, como asegurara previamente María Isabel Blanco. No entanto, recoñeceu que esta visitou o seu despacho o Parlamento autonómico "como tanta outra xente".

Ao respecto, recoñeceu que axudou á familia de Blanco "por un compoñente de paisanaje" e explicou que intercedeu ante a administración por emigrantes galegos "non só en este senón en muchísimos casos". "Se son culpable sereino de deputada que fai de ponte naqueles casos que case non teñen solución por vía administrativa", manifestou.

Por todo iso, Soneira concluíu que "esta trama" demostra a "absoluta orfandade de liderado do PP". "Non é o mesmo ser o maleteiro de Fraga que levar un cheque da Deputación de Pontevedra", dixo a deputada socialista como conclusión á súa comparecencia.

VALORACIÓN DOS GRUPOS.

Na mesma liña pronunciouse o deputado do PSdeG Xaquín Fernández Leiceaga, quen acusou Blanco de actuar por "vinganza" e ao PPdeG de querer tapar con esta "montaxe" a suposta entrega por parte dos populares ao Centro Galego de México dun documento acreditativo dunha subvención da Deputación pontevedresa. Ademais, subliñou que Blanco "non é capaz de acreditar a xestión de ningún voto".

En cambio, o deputado do PP Antonio Rodríguez Miranda acusou os socialistas de "aproveitarse" da situación económica da suposta axente electoral para "utilizala politicamente". Respecto a Soneira, cualificou a súa versión de "pouco crible" e cuestionou que non soubese que había unha persoa traballando en Arxentina para o PSOE" tendo en conta que a deputada "é un alto dirixente socialista".

Pola súa banda, o deputado nacionalista Iago Tabarés denunciou que "a orixe" destes "follóns" é a regulación de votos no exterior pola "escaseza de garantías democráticas". Tamén destacou o feito de que Blanco traballase en Vimianzo (A Coruña) mentres que o contrato subscrito con UU.AA era para traballar na provincia de Ourense.

Contenido patrocinado