SANTIAGO DE COMPOSTELA 8 Mar. (EUROPA PRESS) -
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, enviou unha carta ao presidente do Parlamento Europeo, Martín Schulz, na que lle solicita que promova o uso "non sexista" na linguaxe para a denominación oficial dos membros da eurocámara, tendo en conta que a designación que recolle o Regulamento é a de "deputado", sen facer distinción de xénero as 754 integrantes.
Coincidindo co Día Internacional da Muller, Miranda propón ao presidente Schultz que se inclúa como oficial a designación tamén en feminino naquelas linguas nas que, como o castelán ou o portugués, se fai a distinción por xénero.
Deste xeito, solicita que tanto o regulamento, como a normativa, páxina web institucional e calquera outra documentación xerada pola Cámara inclúan a designación "deputada ao Parlamento Europeo" e non só "deputado" como sucede na actualidade, malia que 261 dos escanos están ocupados por mulleres.
Miranda, na carta dirixida a Schulz, subliña que a súa petición "é un xesto simbólico" pero considera que o Parlamento "debe facer ese xesto en aras da igualdade de xénero con algo tan elemental". "Nomear algo é o primeiro paso para recoñecelo e valoralo, recoñezamos e valoremos que este é un Parlamento formado por homes e mulleres, deputados e deputadas", recalca no escrito.
A eurodeputada sumouse aos actos de conmemoración do Día da Muller celebrados pola Cámara europea que, nesta ocasión, estivo centrada no mercado laboral e tivo como lema 'a igualdade traballo, igual salario', tendo en conta que a media salarial das mulleres no mercado laboral é un 22 por cento inferior ás retribucións dos homes. Ademais, as mulleres representan en cargos de dirección nas empresas a penas supoñen o 10 por cento.
Así mesmo, Ana Miranda advirte que a recén aprobada reforma do mercado de traballo implica "un recorte" de dereitos laborais "sen precedentes" e supón un empobrecemento dos asalariados pola vía de "menos ingresos e despedimentos máis baratos".