Ana Pontón vería "inescusable" que non prosperara a moción de censura para "desaloxar ao PP das institucións"

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG
RADIO GALEGA
Publicado: domingo, 27 mayo 2018 18:48

   A portavoz nacional do BNG afirma que "Ciudadanos é a dereita da dereita" e que "ten discursos que lembran a Primo de Rivera"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 May. (EUROPA PRESS) -

    A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que sería "inescusable" que non prosperara por falta de acordo a moción de censura do PSOE contra o Goberno de Mariano Rajoy para "desaloxar ao PP das institucións" despois de coñecerse a sentenza do caso Gürtel.

   En entrevista á Radio Galega recollida por Europa Press, Ana Pontón manifestou a súa esperanza en que a moción "realmente sirva para esa necesaria rexeneración democrática", aínda que matizando que sería "unha fraude" se só se limitara a un cambio de nomes.

   A portavoz do BNG tamén volveu a pór sobre a mesa, como en días pasados, os supostos vínculos da Gürtel co Partido Popular de Galicia.

   "Non podemos perder de vista que este é un debate que ten que ver moito con Galicia, a Gürtel nace no noso país, nace da man de Pablo Crespo, ex secretario de Organización do Partido Popular en Galicia, man dereita de Fraga ao que Feijóo mantivo no consello de administración de Portos de Galicia, e nunca nos deu explicacións convincentes de porqué o fixo", aseverou.

   Ana Pontón lembrou así que o BNG xa pediu a convocatoria dun pleno extraordinario e urxente para que o presidente da Xunta explique estes supostos vínculos galegos coa trama Gürtel.

   En todo caso, e respecto da moción de censura, Ana Pontón admite que, en caso de prosperar, xeraría un "escenario incerto" e confía en que o PSOE fixe "un prazo de tempo razoable" para convocar eleccións.

ELECCIÓNS MUNICIPAIS

   No actual escenario político, Ana Pontón asegurou que o BNG se sitúa, a un ano das eleccións municipais de 2019, cos "deberes feitos", e que prevé confirmar antes do 25 de xullo ás súas cabezas de cartel no sete grandes cidades galegas.

   No entanto, non se quixo pronunciar sobre os nomes que soan nalgunhas cidades, como é o caso de Salustiano Mato en Vigo, aínda que recoñeceu é "un home cunha traxectoria moi recoñecida, que leva moitos anos sendo militante do BNG e participando con responsabilidades e demostrando que ten capacidade para liderar e que xestiona ben, e que é unha persona comprometida con este país".

   En todo caso, puntualizou que "hai moitas persoas que poderían estar" e "no BNG é a militancia quen decide".

   Con respecto ás enquisas, Pontón opta por "velas con moita distancia", sobre todo, debido a que falta un ano para as eleccións.

   Aínda así, móstrase "convencida" de que o BNG "vai entrar con forza nas cidades" e, mesmo, que vai manter " e ampliar espazo nas próximas municipais tanto nas cidades como noutros concellos", facendo valer que é, engadiu, unha "organización seria".

CIDADÁNS TEN "DISCURSOS QUE LEMBRAN A PRIMO DE RIVERA"

   A portavoz nacional do BNG mostrouse en cambio moi crítica con Ciudadanos e sorprendida do crecemento que lle prognostican as enquisas.

   De forma contundente, definiu á formación laranxa como a "dereita da dereita", e cre que os galegos non optarán por unha forza política liderada por un Albert Rivera cuxas manifestacións "lembran aos discursos de Primo de Rivera".

   Ademais, engadiu que a formación laranxa ten, ao seu xuízo, "un proxecto demoledor con todo o que ten que ver coa pluralidade".

SITUACIÓN DE EN MAREA

   Ana Pontón non quixo valorar a situación de En Marea a raíz do caso Paula Quinteiro, nin a consulta realizada por Podemos sobre o chalé comprado por Pablo Iglesias e Irene Montero, argumentando que non quere facer "oposición da oposición".

   Ademais, quixo enviarlle unha mensaxe de solidariedade á Marea Atlántica após o ataque á súa sede. "Condenamos calquera atentado ás instalacións de calquera forza política", afirmou,

   incidindo en que "este tipo de actitudes violentas non teñen cabida nunha sociedade democrática".

   Agora ben, respecto ao desaloxo da Comandancia da Coruña, Pontón sostén que "é unha situación complexa onde non se resolveu ben nin se utilizaron as vías do diálogo que deberían de ser polas que se optasen e non pola represión" que, insistiu, considera que "foi inxustificada".