SANTIAGO DE COMPOSTELA 23 May. (EUROPA PRESS) -
O alcalde de Santiago, Ángel Currás, sinalou este xoves que non é "partidario de medidas drásticas en tema de aeroportos", en relación á proposta realizada polo Foro Cívico de pechar os aeródromos de Vigo e A Coruña, ao tempo que reiterou a súa aposta pola coordinación.
Para Ángel Currás, as tres cidades galegas con aeroporto deron "un paso" cara á "coordinación" coa reunión previa do Comité Aeroportuario celebrada este luns en Compostela, polo que "máis que pedir que se pechen aeroportos", reclamou "coordinación e colaboración" entre as tres urbes.
"Por parte do Concello de Santiago, ademais de dicir sempre que Lavacolla é o aeroporto central e de referencia de Galicia, o mellor equipado, tamén teño que dicir que a mellor forma de conseguir eficiencia e competitividade para facer fronte a Oporto é a coordinación", sentenciou o rexedor.