Anova abre en Teo este sábado as xornadas abertas para compartir o seu proxecto e coa mirada nas municipais

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Sep. (EUROPA PRESS) -

Anova-Irmandade Nacionalista, a organización política liderada por Xosé Manuel Beiras, inicia este sábado en Teo, onde goberna Martiño Noriega --número dous da organización--, unha serie de xornadas abertas coas que quere compartir o seu proxecto, coa mirada posta nas municipais do próximo ano. Tras a sesión da mañá, será a quenda de Betanzos pola tarde.

Nestas xornadas abordaranse os principios político-organizativos comúns que defenden, a relación esquerda-nacionalismo, as municipais e o debate sobre as frontes amplas cara á quebra democrática, e como se debulla a relación de movementos sociais e partidos.

Estes espazos está abertos e non están dirixidos unicamente á militancia, senón que buscan "ampliar a visión" e "ver que se pode achegar como organización para alcanzar a xustiza social", xunto con "aprender da sociedade civil activa".

Así, anima a que participa a militancia e que se invite a persoas próximas á organización, e fai un chamamento xeral para unha participación de todos que lle permita "conectar coa sociedade, fomentar novas maneiras de facer política e fortalecer o instrumento organizativo".

A xornada de Teo está prevista para a área de Compostela e terá lugar na Casa Común dos Tileiros, entre as 11,00 e as 14,00 horas. A de Betanzos, para a área A Coruña-Ferrol-Bergantiños, celebrarase no Liceo de Betanzos, entre as 17,30 e as 20,00 horas.