Anova acorda dar o seu apoio ás candidaturas populares qs candidaturas populares que nazan en Galicia para as municipais

Actualizado: sábado, 24 enero 2015 19:49

Só onde non existan candidaturas cidadás nin posibilidade de crear frontes amplas a formación se presentará coas súas propias siglas

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Ene. (EUROPA PRESS) -

Anova-Irmandade Nacionalista acordou dar o seu apoio "decidido" ás candidaturas populares que xurdan en Galicia para as próxima eleccións municipais que terán lugar en maio ao considerar á cidadanía organizada como o auténtico "motor da sociedade".

Malia que Anova "non rexeitará ningunha fórmula xurídica, primando así o proceso de confluencia", non ve conveniente a creación de "agrupacións de electores", senón a "creación de partidos a nivel local para evitar a fragmentación política" e "poder dar a batalla nas Deputacións cunha coalición instrumental".

A formación que lideran Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega pechou este sábado en Vigo a súa Conferencia Política Nacional na que tamén acordou que, "alí onde non se dean candidaturas de unidade cidadá, seguirá apostando por estimular a creación de frontes amplas entre o tecido social e as forzas políticas do espazo de ruptura".

FRONTES AMPLAS

Así, propuxo promover "con urxencia" unha coalición instrumental a nivel nacional entre as forzas políticas máis próximas, co obxectivo de crear unha cobertura "versátil e cómoda" que permita que "nazan e callen" alternativas municipais no ámbito da esquerda alternativa en todos os concellos e así darlles cobertura xurídica.

"Trataríase, en resumo, de crear unha marca común, facilitando un soporte xurídico que poderían empregar todas as candidaturas que o desexen, baixo un programa de mínimos e un código ético", explicou a formación, que deixou claro que as localidades terían "total autonomía para a toma de decisións de selección de candidaturas e elaboración de programas concretos".

Máis alá da súa aposta polas dúas anteriores posibilidades, Anova tamén deu o visto bo para que nos concellos onde non existan candidaturas cidadás nin posibilidade de constituír frontes amplas, a formación poida presentarse ás municipais coas súas propias siglas.

Por outra banda, a Conferencia Política tamén serviu para que a formación definise uns principios éticos e programáticos mínimos, cos que unha comisión dedicada a xestionar o proceso das municipais a nivel nacional definirá un programa marco e un código ético que a militancia de Anova defenderá nos espazos electorais nos que decida participar.

Por último, aproveitando a súa visita a Vigo, os voceiros de Anova, Martiño Noriega e Xosé Manuel Beiras, mantiveron unha reunión con representantes da Asemblea Aberta de Coia para recoller información sobre o conflito xerado no barrio e ofrecer a súa colaboración e apoio.