Anova defende listas de "base cidadá" para as locais sen que cada forza manteña "fixos os marcos do seu terreo"

El líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, interviene en la Praza 8 de marzo
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 25 julio 2014 16:52

Beiras critica que forzas con reivindicacións comúns non cheguen a acordos nun acto presenza de numerosas organizacións sociais

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Jul. (EUROPA PRESS) -

A formación nacionalista Anova centrou o seu acto organizado con motivo do Día da Patria, celebrado este 25 de xullo, na defensa de candidaturas de "base cidadá" para os próximos comicios municipais e apostou por unha política de alianzas "asesada", na que "cada forza política" non pretenda "manter fixos os marcos do seu terreo".

"Iso é o que pretendemos, e as municipais non deben ser unhas eleccións preparadas convencionalmente, mediante acordos por arriba, senón que deben ser candidaturas de base cidadá, de unidade popular, nas que sexa o pobo quen máis ordene," explicou o voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras.

Deste modo, defendeu que "a cidadanía", a través das plataformas e organizacións sociais, está "máis preparada que as forzas políticas" para "cambiar o réxime actual" en descomposición" e "romper coa segunda restauración borbónica". "A miña experiencia no Parlamento corrobora isto, pasa en todos os niveis", lamentou antes de asegurar que "onde si existe democracia é na sociedade civil".

Para lograr esta "quebra democrática", ao seu xuízo, as organizacións políticas "deben funcionar como ferramentas da maioría social agredida para orientala e apoiala, pero sen controlala, a ser a protagonista".

"Estou convencido de que a cidadanía é a que mellor preparada está, e se non logra que sexa un movemento na totalidade do pobo é pola presión que exerce a política institucional, polo estupefaciente lanzado polo aparato ideolóxico do réxime e tamén pola contribución que fan as forzas políticas que non logramos poñernos de acordo", considerou.

"MINIFUNDISMO" DAS FORZAS POLÍTICAS

A este respecto, Beiras lamentou que as organizacións políticas de esquerda rupturista e nacionalista galegas non logren "poñerse de acordo" en reivindicacións comúns. "Sempre estamos a dicir que coincidimos, pero logo pasa iso, o minifundismo, preocuparse por que non se movan os marcos ou manter o tabú de fronteiras que nós xa rompemos hai dous anos con Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e que volvemos romper nas europeas".

"Non abonda con que o fagamos nós, senón que ten que ser algo que o faga o conxunto", indicou antes de insistir en que as municipais necesitan que se inicie "un proceso de impulso e apoio a todos os focos activos da cidadanía" como o movemento cidadán Marea Atlántica ao que saudou "con fraternidade". "Candidaturas de cidadáns de base, na que nos incluímos pero sen pretensións de poñer por diante a cabeceiras de listas", indicou.

"PARTE DA LOITA, NON A TOTALIDADE"

Esta chamada á unidade das forzas de esquerda rupturista para e lograr candidaturas tamén foi realizada polo coordinador nacional de Anova, Martiño Noriega, quen considerou necesario crear unha "fronte popular" contra as políticas da dereita. "Estamos aquí hoxe para tecer a nación como un espazo inclusivo de dereitos roubados", manifestou.

"Dende Anova fixemos un chamamento a configurar candidaturas populares nos concellos de Galicia, baixo un programa de mínimos e cunha metodoloxía aberta e participativa por definir. Porque nos entendemos parte da loita, e non a totalidade", proclamou.

PRESENZA DE DIVERSOS COLECTIVOS

Precisamente, para facer visible este "protagonismo" da cidadanía no proceso de "ruptura democrática co actual sistema", no acto que a formación que dirixe Xosé Manuel Beiras celebrou en Santiago tomaron a palabra diversos colectivos e movementos sociais.

En primeiro lugar, unha das voceiros da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, Pilar Estévez, defendeu o dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos e cargou contra a reforma "ideolóxica" da lexislación que prevé levar a cabo o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón. "Os dereitos están para usar, e o dereito a ser nai pasa polo dereito a non o ser", indicou.

Tamén explicaron as súas reivindicacións colectivos como Stop Desahucios, Valadre, ou a Plataforma pola auditora da débeda, que defende estudar todas as débedas das administracións públicas, dende as contraídas polas locais ás autonómicas ou estatais.

PRESENZA DOS REIS

Durante o acto organizado por Anova na Praza 8 de marzo da capital galega, tamén houbo críticas á presenza dos Reis de España, don Felipe e dona Letizia, este venres en Santiago de Compostela, a onde se trasladaron para acudir á tradicional ofrenda ao Apóstolo Santiago.

Así, Beiras criticou o forte despregamento policial habilitado na capital galega con motivo da presenza dos Reis. "Parece que estamos en Vietnam outra vez, só porque está Borbón aí, que a ninguén lle interesa nin lle quere facer mal, solo que se vaia dunha puñetera vez, que colla un barco, unha canoa ou un avión, deses que non funcionan nunca, e a ver se se equivocan outra vez os ucraínos e lle dan cun mísil", afirmou.