SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Ene. (EUROPA PRESS) -
O Arcebispo de Santiago, Julián Barrio Barrio, afirmou hoxe que non existen "moitas posibilidades" de que o Papa Benedicto XVI visite Santiago durante a celebración do Ano Santo, aínda que "non está descartado" que o pontífice viaxe a Compostela durante o ano 2011.
Nun almorzo informativo de Forum Europa. Tribuna Galicia celebrado en Santiago, monseñor Julián Barrio Barrio asegurou que as súas últimas conversacións coa Santa Sé "non deixan moitas posibilidades" á visita do Papa a esta cidade durante o Ano Santo, dado que está prevista a súa visita a España en 2011 con motivo da celebración en Madrid da Xornada Mundial da Xuventude.
"Viaxar dúas veces en dous anos seguidos ao mesmo país, levaría consigo algunhas dificultades", indicou o Arcebispo compostelano, quen sinalou que a Santa Sé "non o considera o máis oportuno".
Non obstante, Julián Barrio Barrio deixou a porta aberta a que o pontífice visite Santiago en 2011, ano no que se cumpre o 800 aniversario da consagración da Catedral compostelana. "Non está descartado e faremos todo o posible", sinalou o Arcebispo, que recordou que Benedicto XVI "sempre manifestou un grande desexo de vir a Santiago".
COLABORACIÓN
Por outra parte, monseñor Barrio Barrio resaltou a "colaboración" existente coa Administración na organización da celebración do Ano Santo, xa que, explicou, a Igrexa "non pode chegar --por si soa-- á organización dos distintos acontecementos que se van celebrar" en Santiago durante este ano.
Por iso, indicou que a "colaboración" é a "canle" idónea para manter esta relación entre a Xunta e a Igrexa, dado que "no fondo está en xogo o prestixio non só da cidade se non tamén da autonomía".
OBRAS NO PÓRTICO
No relativo á prolongación das obras do Pórtico da Gloria, as estadas da cal non poderán retirarse ata o ano 2011, Julián Barrio recordou que se trata "dunha obra grandiosa" que "necesita tempo para levala a cabo", aínda que recoñeceu que lle gustaría "atoparse xa co Pórtico arranxado e visible para este ano".
"Hai momentos da vida nos que temos que sacrificar o inmediato", indicou o Arcebispo, que asegurou que "o importante" é "contar coa satisfacción de ver completamente restaurado o Pórtico" aínda que haxa que sacrificar os seus "desexos" para que "esa obra se faga como debe facerse".
Así mesmo, o Arcebispo mostrouse disposto a abrir ao público este ano "o maior número posible de igrexas" situadas no Camiño de Santiago, aínda que recordou os "inconvintes reais" deste proceso de non contar cunha "discreta vixiancia" nos templos, xa que poderían producirse "sorpresas desagradables".
En calquera caso, monseñor Barrio Barrio explicou que tanto o Arcebispado como a Xunta están a facer "un grande esforzo" para que "sexa o maior número posible de igrexas" as que estean abertas aos camiñantes.