SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 May. (EUROPA PRESS) -
Os "segundos alcaldes" dos 10.000 galegos que viven nunha pedanía están preocupados pola reforma da administración local e non lles rematan de satisfacer as noticias que chegan de Madrid xa que as entidades menores piden o seu "recoñecemento" na norma e tamén que se elimine "de todo" a posibilidade de que poidan desaparecer se non cumpren "de forma inmediata" co requisito da rendición de contas.
A singularidade das pedanías, máis de 3.500 en toda España, compártena en Galicia un total de nove poboacións, oito delas en Pontevedra --Bembrive (Vigo), Arcos dan Condesa (Caldas de Reis), Camposancos (A Guarda), Chenlo (O Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui) e Queimadelos e Vilasobroso, ambas as dúas en Mondariz--. A novena, a de Berán, pertence ao municipio ourensano de Leiro.
Con competencias, cor de goberno e orixes distintas, nalgún caso derivado de antigas formas feudais de ocupación da terra como Morgadáns, que podería recibir o seu nome da antiga figura do 'morgadío' que existiría nesta pedanía, así como nas veciñas de Chenlo e Pazos de Reis, as entidades locais menores comparten determinados problemas diarios, o seu temor cara á reforma local e a convicción de que o seu papel é "plenamente vixente" no século XXI.
Para facer fronte a unha norma que inicialmente promovía a "supresión dun plumazo" das pedanías, aínda que "se está a dulcificar", varias das entidades existentes en Galicia decidiron "unir forzas", en palabras de quen leva "a voz cantante", segundo os seus homólogos, o alcalde pedáneo de Bembrive, Roberto Ballesteros, que preside a entidade máis grande, que dá servizo a 4.413 veciños.
"Menos as entidades de Morgadáns e Chenlo, as sete restantes reunímonos e tratamos de facer fronte á reforma como podemos", sinalou Besteiros, en declaracións a Europa Press, antes de insistir en que todas as pedanías coinciden en que hai que render contas, aínda que os últimos datos do consello de contas evidencian que algunhas teñen dificultades para facelo.
SEN "AGRAVIOS COMPARATIVOS"
Neste escenario, conforme ao recollido na declaración de León, que entidades de Galicia e doutras comunidades con pedanías subscribiron recentemente, tanto Besteiros como outros pedáneos galegos consultados por Europa Press, insisten en que "render si", pero tamén demandan que se "simplifiquen" os documentos contables a presentar aos órganos de contas e a outros administracións.
Ademais, reivindican que o Estado comparta o uso de instrumentos da administración autonómica e advirten de que é "claramente contraria a Dereito e ao principio de igualdade" con outras administracións públicas "a súa supresión" polo feito de "non cumprir a tempo coas obrigas contables".
"Queremos un tempo de adaptación, unha moratoria, un trato igual aos concellos, que teñen unha débeda enorme e non pasa nada. É absolutamente ilóxico, un agravio comparativo", resumiu Besteiros.
COMPARTIR RECURSOS
Baixo a premisa de que "a unión fai a forza", o pedáneo de Bembrive manifestou que a súa entidade, ao ser a máis grande e ao "non correr perigo" porque o ten "todo ao día", ofreceu medios e asesoramento a outras máis pequenas e que poden ter maiores dificultades para o proceso de rendición de contas como é o caso de Vilasobroso, con menos de 400 habitantes, ou Queimadelos, con 92.
"Asesoramos as entidades que o precisan para que se poñan ao día, se fai falta poñémolas en contacto co secretario e o interventor ou coa xestoría que se encarga do noso", subliñou, para insistir en que, a nivel estatal, as pedanías "seguen loitando" e, en principio, está prevista unha nova protesta contra a reforma local a finais deste mes de maio.
Na mesma liña pronunciouse o presidente da entidade de Camposancos, Rafael Martínez, quen incide nos "escasos medios" e na "burocracia" que estipula a administración, o que dificulta a unhas entidades "moi centradas en afrontar os problemas dos cidadáns", cumprir cos trámites para presentar as unhas contas.
Unhas contas "moi saneadas", por outra parte, segundo subliña Martínez, pero tamén outros pedáneos como o de Queimadelos, Manuel Portas. "Temos todas superávit e as contas moi limpas", defende Portas, quen subliña ademais que, no caso da súa entidade, nin el nin os vogais cobran "nin un euro". "Só lle pagamos ao administrador e non recibimos nada do concello, ingresamos do monte", esgrimiu.
SITUACIÓNS DISTINTAS
E é que, ao igual que as competencias, que nalgúns casos están centradas na xestión do monte e noutros son máis amplas --indo dende a limpeza dos viais á organización de festas parroquiais, no caso de Bembrive, por exemplo--, as fontes de financiamento e as condicións salariais dos integrantes das pedanías tamén varían.
Así, hai pedanías nas que dispoñen de subvencións dos concellos aos que pertencen con contía variable. Noutras entidades os ingresos cínguense practicamente aos aproveitamentos do monte ou doutras fontes que, ás veces, están directamente vinculadas coa súa orixe.
Este é o caso da entidade ourensana de Berán que, segundo explicou a Europa Press o seu pedáneo, José María Doval, recibe "unha pequena subvención de 2.000 euros do concello", á marxe da súa parte nos beneficios que dá o balneario ligado ás orixes da propia pedanía e que agora "volve estar aberto".
Doval, ao igual que o seu homólogo de Queimadelos non cobra "nada" como pedáneo, como tampouco o fai, por exemplo, Alejandro Lorenzo, de Chenlo. "Non percibo nada e levei a proposta a pleno para que nin alcalde nin vogais cobren por dedicación exclusiva, por dedicación parcial ou por asistencia", defendeu, antes de matizar que si hai un vogal que percibe remuneración polo seu labor "ao cen por cen" para a pedanía.
No caso de Bembrive, a maior pedanía de Galicia, recibe unha subvención anual de 260.000 euros do Concello de Vigo, pero ten unhas competencias máis amplas que as doutras entidades. O seu presidente cobra 550 euros brutos por asistir a cada pleno e os vogais, 225. Ademais, hai un máximo estipulado de 24 plenos, no que se inclúen "mesmo os extraordinarios", e a media é "dun ou dúas ao mes".
"PLENA VIXENCIA"
Cun funcionamento "de concellos a pequena escala", todos os pedáneos consultados insisten na "plena vixencia" das súas institucións e reafirman a súa vocación de servizo ante os veciños da parroquia. "Aquí se hai un problema cunha estrada non podes escudarte en se é da Deputación, da Xunta ou do Estado, che ven a cara todos os días e te buscas a vida para solucionalo", exemplifica Besteiros.
Ademais, aínda que entenden e apostan por "modernizarse" porque "hai que ir cos tempos", defenden que as entidades locais menores son "as máis democráticas" e exemplifican coa elección "directa" dos seus representantes. En palabras do pedáneo de Bembrive, "aquí non hai pactos, hai votación directa; gañas por un voto e es o alcalde".
A "atención 24 horas" ou os conflitos que ás veces se producen na parroquia non desaniman aos presidentes das entidades locais menores. "Hai que vivilo e querelo facer; non estou a dicir que fagamos a mellor función do mundo, pero si é moi necesaria para os nosos veciños", resume o pedáneo de Chenlo, Alejandro Lorenzo.