O atracador abatido pola Policía tras disparar a dous axentes era un delincuente vigués con antecedentes

Actualizado: viernes, 28 noviembre 2014 21:51

A capela ardente cos restos da axente morta quedará instalada na Comisaría de Vigo

VIGO, 28 Nov. (EUROPA PRESS) -

O atracador que faleceu este venres abatido pola Policía, despois de disparar contra dous axentes en Vigo (unha das cales morreu), foi identificado pola Policía (tras cotexar as súas pegadas coas bases de datos) como Enrique L.F., alcume 'el escayolista', segundo fontes consultadas por Europa Press.

Este home, nacido en 1964, tiña antecedentes policiais por diversos delitos, como roubos con forza e roubos con violencia, e estivo en prisión. Non obstante, fontes próximas ás investigación precisaron que non ten antecedentes recentes e que a súa última detención é "dos anos 80".

Enrique L.F. presentouse sobre as 14,30 horas nunha sucursal de Abanca na rúa Doctor Carracido da cidade olívica, ocultando o seu rostro cunha barba postiza, e armado cunha pistola do calibre 9 mm Parabellum (e dous cargadores). Tras facerse pasar por cliente, achegouse ao mostrador e esixiu o diñeiro.

Unha empregada avisou o 091 e presentouse unha patrulla. Os dous axentes, Vanesa María L.C. e Vicente J.A.B., deron o alto ao atracador cando saíu co botín e coa subdirectora da sucursal agarrada polo colo, pero este respondeu disparando contra estes policías e outros de reforzo que compareceron no lugar.

CAPELA ARDENTE

Como consecuencia do tiroteo, a axente resultou ferida moi grave e acabou falecendo, mentres que o seu compañeiro tamén resultou ferido de gravidade tras recibir varios impactos de bala e está hospitalizado. Así mesmo, a empregada do banco recibiu un disparo nun brazo e foi intervida no hospital Povisa.

Fontes policiais confirmaron que a capela ardente cos restos de Vanesa María, de 36 anos de idade, quedará instalada na Comisaría de Vigo a partir das 10,00 horas deste sábado.