O avogado dos minoritarios de Pescanova pedirá ingreso en prisión de Fernández de Sousa ou a retirada do pasaporte

Factoría de Pescanova
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 24 mayo 2013 14:36

VIGO 24 May. (EUROPA PRESS) -

O avogado dos accionistas minoritarios de Pescanova, Joaquín Yvancos, confirmou que, "con toda probabilidade", pedirá o ingreso en prisión ou a retirada do pasaporte de Manuel Fernández de Sousa, tras escoitar "atentamente" a súa declaración ante o xuíz Ruz, prevista para o próximo 1 de xullo.

Nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press, Yvancos afirmou que hai motivos abondos para que o presidente do grupo Pescanova (agora retirado das súas funcións executivas por orde xudicial), ingrese en prisión. "Hai falsificación de contabilidade, ocultou probas, colocou xente afín nas filiais, quere controlar a sociedade a través das filiais, e é unha persoa que ten intereses fóra do país", xustificou o letrado.

Ademais, Yvancos augurou que, tras a imputación de Sousa, Paz-Andrade e outros dous accionistas, "a xente que queda vai contar a verdade de todo, para salvarse", polo que prevé que saian á luz "verdadeiras atrocidades contables".

Nesa liña, apuntou que, ata agora, solo se coñece "a punta do iceberg" na crise de Pescanova e que, dende que os accionistas minoritarios presentaron a súa querela ante a Audiencia Nacional, se destaparon outros episodios, como a emisión de "facturas falsas", máis venda de accións ou transmisión de bens a familiares ou sociedades familiares.

Este avogado sinalou, por outra parte, que o cambio de actitude na política de comunicación de Fernández de Sousa que, nas últimas horas saíu á palestra pública dos medios de comunicación despois de tres meses de silencio, responde a unha "estratexia de defensa" para "lavar a súa imaxe".

POSTO DE TRABALLO "en XOGO"

"Deixémonos de falsos santones", apostilou Yvancos, quen advertiu de que, se Fernández de Sousa "fose tan bo", poría a disposición de Pescanova os 31 millóns de euros que obtivo pola venda de accións e non só os que puxo, algo máis de 9 millóns de euros.

Finalmente, afirmou que os accionistas minoritarios da multinacional pesqueira galega "desexan que continúe", porque "se se vendese a anacos, perderían". Ademais, engadiu, que "é unha das principais marcas mundiais" e que "hai miles de postos de traballo" en xogo".

Artículos Relacionados

Contenido patrocinado