A axente falecida e o subinspector de policía ferido nun tiroteo en Vigo son naturais da provincia da Coruña

Actualizado: viernes, 28 noviembre 2014 20:38

VIGO, 28 Nov. (EUROPA PRESS) -

A axente de Policía falecida nun tiroteo durante un atraco a unha entidade bancaria de Vigo, Vanessa María L.C., de 36 anos, e o subinspector ferido de gravidade, Vicente A.B., de 41 anos, son naturais da provincia da Coruña, segundo confirmaron a Europa Press fontes da investigación.

Tal e como trasladaron estas fontes, o subinspector naceu o 23 de febreiro de 1974, é natural de Santiago de Compostela e foi GEO do XIV curso. Pola súa banda, a axente falecida durante o tiroteo é natural da Coruña e ingresou no Corpo Nacional de Policía en 2005. Na Comisaría de Vigo hai uns 110 policías nas gardas directas de seguridade cidadá.

Segundo fontes da Policía Nacional, o subinspector de 41 anos recibiu cinco disparos de bala no torso, un deles á altura do pulmón, polo que tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital Xeral, onde se atopa sedado e o seu estado continúa crítico aínda que estable.

O asalto tivo lugar ás 14,15 horas deste venres nunha sucursal de Abanca localizada na rúa Doctor Carracido de Vigo. Durante o asalto produciuse un tiroteo, polo que faleceron a axente policial e o presunto atracador. Así mesmo, unha empregada do banco, que foi utilizada como refén, tamén resultou ferida leve.

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o xefe superior de Policía de Galicia, Eusebio Fraguas, convocaron ás 19,30 horas deste venres unha rolda de prensa con motivo deste suceso.