OURENSE, 25 Ene. (EUROPA PRESS) -
O aspirante á Presidencia do PP de Ourense José Manuel Baltar Blanco advertiu hoxe de que podería "tirar abaixo" as opcións do seu rival, o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, xa que, dos 407 avais de delegados ao congreso que hoxe presentou para a súa candidatura, 175 están duplicados, co que quedarían invalidados para constar no conclave do próximo sábado.
Un total de 1.212 compromisarios están chamados a elixir o próximo sábado ao sucesor de José Luis Baltar á fronte das filas populares de Ourense, pero para formalizar a súa candidatura, os aspirantes teñen que lograr un mínimo de 243 avais destes delegados. O rexedor de Verín presentou hoxe 407 avais na sede do PP, pero segundo Baltar Blanco, 175 destas sinaturas tamén o avalaron a el, co que serían invalidadas.
Ao respecto, o vicepresidente primeiro do Parlamento galego denunciou que estes avais duplicados foron asinados en primeiro lugar para a súa candidatura, pero "por coaccións e presións" estas persoas remataron tamén por avalar a Jiménez Morán.
"Este caso foi tratado por Jiménez Morán coma se o fixésemos nós", afirmou Baltar Blanco, quen alegou, non obstante, que o seu equipo "nunca utilizou ningunha artimaña nin obtivo ningún aval dun compromisario por coacción".
Nunha entrevista na Cadena Cope recollida por Europa Press, expuxo que existe a "posibilidade material e real" de presentar eses 175 avais e "invalidar" a candidatura do alcalde de Verín. "Este sábado queremos que chegue ao congreso e poderiamos utilizar esta argucia en contra desa candidatura tras obter con coacción parte deses 407 avais, pero non o imos facer", comprometeuse Baltar Blanco.
DÚBIDAS E TITUBEOS
Baltar Blanco confesou que na carreira pola sucesión do seu pai atopou "escenas desilusionantes" por parte dalgúns dirixentes políticos. Así, lamentou que os que apoiaron a última hora ao seu rival "non se posicionasen dende un principio" na súa contra ou a favor da outra candidatura" e non "titubeando ou dubidando".
Por outro lado, manifestou que ten "preparado" o equipo de dirección se resulta gañador do congreso, que estaría formado por 65 persoas entre as cales el só pretende ser "un peón máis coa filosofía de "levar o ourensanismo ata a reivindicación política máxima".
"Son xente que confiou neste movemento popular imparable dende o principio, que se mantivo coherente con esta aposta inicial e que cre en Ourense e desexa que chegue o momento para empezar a traballar", destacou.
EMBORRONAR A IMAXE
Con respecto á petición de Jiménez Morán para que a dirección autonómica do PPdeG garanta a neutralidade no congreso provincial, Baltar Blanco acusou ao alcalde de Verín de "emborronar a imaxe do partido" e "sementar de dúbidas o criterio da militancia".
"Calquera persoa que pretenda dirixir unha organización debe ter respecto aos militantes e crer na súa liberdade de elección", contrapuxo para agregar que "isto nunca pasou antes en Ourense ou noutra provincia".
Finalmente, Baltar Blanco manifestou "crer" no presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, quen "dixo que non ía interferir" no proceso, pero denunciou que "sí houbo intervencións doutro tipo", xa que a Jiménez Morán "acompáñano en reunións a porta pechada" o voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.