LUGO 19 Jun. (EUROPA PRESS) -
O presidente do PP de Lugo e voceiro do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, asegurou que non dispón de "ningún tipo de comunicación, nin oficial nin extraoficial, de ningún xulgado" acerca de actuacións xudiciais contra el, pero negou facer "ningún tipo de influencia ou xestión" a favor de persoas próximas.
O Tribunal Supremo estuda se admite a trámite unha causa por tráfico de influencias e por delito contra a administración pública contra José Manuel Barreiro, a raíz da remisión dunha exposición razoada por parte do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo.
O xornal 'La Voz de Galicia' publica este mércores que a exposición razoada elevada ao Supremo parte de que o empresario lucense Jorge Dorribo, principal imputado no caso Campeón, acusaría a Barreiro de supostamente facilitar a unha empresa participada por un primo seu o prego de condicións do concurso de adxudicación do párking do novo hospital de Lugo antes de que fose público.
Barreiro asegurou a Europa Press que esas acusacións serían "falsas". "Todo canto se di é falso, que facilitase ningún tipo de prego, que fixese ningún tipo de influencia ou xestión. É rotundamente falso", aseverou.
"O meu descoñecemento é total e absoluto", agregou o político popular, quen indicou que a información que ten "é a través dos medios de comunicación". Por iso, confesa que se sente "desamparado", habida conta de que "non sabe qué actuacións ten que tomar".
"INDEFENSIÓN"
Con todo, afirmou que consultará con "avogados" para que o orienten ante as accións que debe emprender e posto que se atopa ante "unha indefensión total e absoluta, derivada deste descoñecemento" sobre as accións xudiciais que estarían en marcha contra el.
En calquera caso, Barreiro sostivo que está "total e absolutamente tranquilo", posto que ten "a conciencia tranquila". "Sen ningún problema", sinalou a este respecto.
Non obstante, si admitiu que é un "tema que é molesto""decatarse a través dun medio de comunicación dunha suposta actuación xudicial" da que insiste en que carece de todo tipo de constancia oficial ou formal de que sexa así. "Eu non teño que ver na actuación que supostamente di este señor que eu cometín", reiterou finalmente o voceiro dos populares no Senado.